Seis asociacións farán esta semana turismo de proximidade pola provincia grazas á Deputación de Lugo.

Preto de 160 veciños e veciñas da provincia benefícianse esta semana do programa da Deputación de Lugo Coñece a túa provincia, destinado a entidades sen ánimo de lucro dos 67 concellos lucenses. Viaxanseis asociacións de diferentes zonas do territorio lucense, que percorrerán A Mariña interior, a Terra Chá, e a Ribeira Sacra.

Este martes, a Asociación de Veciños Os Cinco Ríos, doCorgo, e a Asociación Os Milagres de Saavedra, de Begonte, son os dous primeiros colectivos en participar esta semana nas visitas.

Os de Begonte coñeceron este martes as instalacións e o traballo que desenvolve a Deputación de Lugo na Granxa Gayoso Castro, e posteriormente puxeron rumbo cara O Inciopara descubrir o encoro de Vilasouto cunha ruta circular a pé, así como a igrexa de San Pedro de San Fiz do Hospital, a aldea de Ferrería e o monumento ao mamut.

Por outro lado, os membros da asociación Os Cinco Ríos visitarono Mazo de Santa Comba da Deputación, e logo achegáronse ata a Ribeira Sacra para visitar o municipio de Quiroga, facendo parada no Museo Xeolóxico, no miradoiro xeolóxico de Campodola e unha adega da subzona Quiroga-Bibei e o Castelo de Torrenovaes. 

O mércores será a quenda da Asociación de Veciños San Esteban de Mota, de Guntín, que tamén percorrerá o municipio de Quiroga e todos os seus reclamos paisaxísticos e patrimoniais despois de descubrir o Mazo de Santa Comba, unhas dependencias provinciais que se atopan no termo municipal de Lugo.  A Granxa Gayoso Castro será a primeira parada da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, deBurela, que tamén o mércores coñecerá os concellos de Meira, Castro de Rei e A Pastoriza, ficando no castro e museo de Viladonga, tamén no Pedregal de Irimia, na Igrexa Santa María de Meira e na lagoa de Fonmiñá, entre outros recursos. 

A Asociación de Veciños de Vilademouros, do Incio, e a Asociación Cultural de Andrade, de Vilalba, completan as viaxes desta semanafacendo parada na Mariña. A veciñanza do Incio visitará as instalacións da produtora audiovisual da Deputación de Lugo e continuará percorrido cara os concellos de Trabada, A Pontenova e Riotorto. A veciñanza de Vilalba, pola súa banda, coñecerá as instalacións e o traballo que se realiza na Granxa Gayoso Castro para poñer posteriormente rumbo aos concellos de Alfoz e O Valadouro. 

Fin de temporada
Máis de 1.200 persoas de máis de 30 asociacións participaron na primeira parte da temporada do Coñece a túa provincia,que remata esta semana. O programa retomarase no outono, con viaxes entre setembro e novembro.  

Con esta iniciativa, a Deputación busca seguir favorecendo o coñecemento da provincia entre a veciñanza, apoiar ao sector turístico, hostaleiro e comercial, e consolidar un modelo de turismo de calidade, sostible, con capacidade para atraer visitantes ao longo do ano, que pon en valor o patrimonio e que mantén e crea emprego, sobre todo no rural.

Coñece a túa provincia inclúe o transporte de balde para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.