Teatro do Atlántico representa o 21 de novembro en Burela "Libre coma os paxaros". Entrada de balde ata completar aforo.

O Auditorio Municipal de Burela acolle a representación da obra "Libre como os paxaros" a cargo de Teatro do Atlántico. A función terá lugar este domingo, 21 de novembro, ás 21:30 horas con entrada é libre ata completar aforo. Programada pola Delegación de Cultura do Concello de Burela, enmárcase no programa de dinamización lingüística FalaRedes 2021 da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a Rede de Dinamización Lingüística.

Baixo a dirección de Xulio Lago, está interpretada por María Barcala. Trátase dunha representación teatral para público adulto e adolescentes maiores de 14 anos no que a figura protagonista é Rosalía de Castro quen se dirixe ao público en primeira persoa compartindo as particularidades da súa propia orixe, do seu pensamento, da súa circunstancia social e dos condicionamentos que ten que superar para ser quen de exercer a creación poética e literaria. A base fundamental para a elaboración da posta en escena deste espectáculo son os textos de Rosalía de Castro, engarzados con outros materiais que contextualizan e conforman unha vía pola que transitar o pensamento da nosa autora e o seu compromiso diante dos acontecementos e conflitos na sociedade do seu tempo. Así denuncia o espolio do patrimonio forestal, a traxedia da emigración á que se ven obrigados centos de miles de compatriotas para poder sobrevivir, eles e as súas familias, á fame e á miseria.