A Vicepresidencia da Deputación de Lugo leva a Viveiro a mostra "Xela Arias. A poesía do retrato", que estará nos Xardíns Poeta Noriega Varela ata o 26 de agosto.

Chega a Viveiro, da man da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a exposición “Xela Arias. A poesía do retrato”. A mostra poderá verse nos Xardíns Poeta Noriega Varela ata o 26 de agosto. 

Xela Arias. A poesía do retrato

A exposición para exteriores organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo “Xela Arias. A Poesía do retrato” recompila unha colección de textos poéticos da autora homenaxeada nas Letras Galegas 2021 xunto aos retratos realizados polo fotógrafo Xulio Gil nos anos 80 e 90.

A mostra consta de 20 retratos en branco e negro que dialogan con cadanseu texto poético.  A colección de imaxes permítenos mergullarnos no universo máis íntimo da autora homenaxeada este ano nas Letras Galegas, a través de fotografías que a retratan  posando con determinación e sen artificios ante o obxectivo de Xulio Gil, no seu período vital dos 26 aos 40 anos. 

Trátase de fotografías tomadas para seren socializadas en revistas, libros ou noutros soportes, que formaban parte do arquivo  do fotógrafo e que se mostran por primeira vez en formato expositivo.  Na selección das imaxes e dos versos, traballaron conxuntamente o propio Xulio Gil e mailo escritor, editor e xornalista Xosé Enrique Acuña. 

Ademais da escolma feita para a mostra, coordinaron os contidos dun libro catálogo coa mesmo título, Xela Arias. A poesía do retrato, editado por Engaiolarte, tamén coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Durante a presentación, agasallarase as persoas asistentes con exemplares da publicación.

Formato exterior e itinerante

A instalación das fotografías e dos poemas preséntanse impresas en panel metálico de aluminio de 3 mm. encadradas sobre 10 macromarcos de aceiro galvanizado sobre peana de formigón. 

Con esta fórmula expositiva, exterior e itinerante, a Vicepresidencia da Deputación aposta por achegar a Xela Arias ao gran público da provincia de Lugo e extender  a difusión da súa obra máis aló do Día das Letras Galegas.

A mostra estreouse en Sarria o pasado 1 de maio e, desde aquela, puido verse na Praza de San Marcos de Lugo, na Praza do Cantón Vello de Chantada e no Parque dos Condes de Monforte.