O Concello de Burela convoca o X Concurso de Microrrelatos e o VI de Lemas con motivo da celebración do día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.

O Concello de Burela convoca o X Concurso de Microrrelatos e o VI de Lemas con motivo da celebración do día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.
 
O Concello de Burela, a través do departamento municipal de Servizos Sociais, convoca o X Concurso de Microrrelatos e o VI de Lemas con motivo da celebración do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, que se conmemora o 25 de novembro.
 
A concelleira de Servizos Sociais, Patricia Otero, explica que para o certame de microrrelatos, que chega á súa décima edición, “establécense dúas categorías para os participantes: menores de 18 anos e maiores desa idade”. Tamén anuncia que das obras presentadas “un xurado composto por persoas do mundo da cultura e das letras, do Concello e do Centro de Información ás Mulleres (CIM) decidirá cales son as dúas persoas gañadoras. Os premios consistirán en 75 euros para a categoría de menores de 18 anos e de 150 euros na de maiores desa idade. Os microrrelatos, asinados con pseudónimo, deberán entregarse antes do día 21 de novembro no CIM do Concello de Burela. Deberán ir nun sobre ao que se adxuntará outro pechado, no que figurarán os datos da persoa autora. Os premios daranse a coñecer no acto público que, para conmemorar o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, terá lugar o 25 de novembro, venres, no salón de plenos da Casa do Concello. Os gañadores ou gañadoras deberán estar presentes na entrega dos premios”.
 
En canto ao sexto concurso de lemas “o obxectivo é transmitir a través de mensaxes curtas a importancia da educación en igualdade e da necesidade da eliminación da violencia contra as mulleres. Cada participante pode enviar ata un máximo de 5 lemas a través do correo electrónico á dirección cim@burela.org. O lema debe constar de sete palabras como máximo. Entre todos os enviados escollerase un, que será o que distinga a celebración do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres do ano 2017 en Burela. O prazo de entrega rematará o 21 de novembro deste ano e o lema gañador darase a coñecer no acto público que terá lugar o 25 de novembro no salón de plenos da Casa do Concello”.