O Concello de Cervo organiza talleres de manualidades e de cociña, festa e cine para celebrar o Samaín.

O Concello de Cervo organiza talleres de manualidades e de cociña, festa e cine para celebrar o Samaín.
 
A Delegación de Educación e Cultura do Concello de Cervo, que dirixe a concelleira Dolores García Caramés, organiza talleres de manualidades e de cociña, festa e cine, entre outras actividades, para que os nenos e nenas do municipio celebren o Samaín.
 
Dolores García anunciou hoxe que o alumnado do punto de atención á infancia (PAI) celebrará este venres, día 30, a súa festa temática con xogos e merenda no salón de actos da Casa do Mar de San Ciprián a partir das 17:30 horas. Tamén este venres haberá un taller de manualidades de Samaín na Casa do Mar de 11 a 12:30 horas para alumnos de Infantil e de 12:30 a 14 horas para os de Primaria.    
O sábado, día 31, tamén na Casa do Mar, desenvolverase un taller de cociña de Samaín de 11 a 12:30 horas para os alumnos de Infantil e de 12:30 a 14 horas para os Primaria.  
 
A concelleira de Educación e Cultura explica que “as actividades do venres e do sábado precisan inscrición previa, que se envían aos colexios do concello e deben entregarse na Casa do Mar ou na Casa do Concello”.
 
Os actos da programación para celebrar o Samaín organizados polo Concello de Cervo continuarán o domingo, día 1 de novembro, cunha festa que terá lugar na Casa do Mar de San Ciprián a partir das 18 horas. Haberá talleres de caretas de medo e de maquillaxe de medo e feridas, baile e xogos, photocall de medo, merenda e sorpresas. E as actividades rematarán o luns, día 2, cunha proxección de cine de medo infantil no Ecomuseo de Cervo ás 18 horas.
 
Dolores García comentou que o Concello pon en marcha esta programación de Samaín “aproveitando que estes días non hai clases e co obxectivo de ofrecer aos rapaces alternativas para pasalo ben. Por iso, convidamos a todos os nenos e nenas a participar nas actividades e a vivir esta festa de forma activa e dinámica”.