O XIII Encontro de Palilleiras, que se celebrará o 2 de abril en San Ciprián, contará con 600 participantes.

O XIII Encontro de Palilleiras, que se celebrará o 2 de abril en San Ciprián, contará con 600 participantes.
 
O vindeiro 2 de abril terá lugar en San Ciprián o XIII Encontro de Palilleiras con 600 participantes. O evento foi presentado hoxe nun acto que contou coa presenza do alcalde, Alfonso Villares, e a concelleira de Igualdade, Pilar Armada.
 
O rexedor municipal salientou que “xa é unha xuntanza de palilleiras que adquiriu unha sona que vai máis alá das fronteiras non só da nosa provincia senón tamén de Galicia. Son moitas as persoas que veñen, mulleres sobre todo, a palillar de Galicia pero tamén moitas doutros lugares, basicamente da veciña Asturias e tamén da zona de León”.
 
Alfonso Villares engadiu que “este encontro de palilleiras reforza moito a oferta de cultura e artesanía que ofrece o Concello de Cervo ao longo do ano, sobre todo neste evento no que son máis de seiscentas mulleres palillando as que continuamente durante estes últimos anos se veñen achegando ata o noso concello. Sen dúbida ningunha é unha forma de promoción do concello, da nosa zona e dunha arte milenaria que ven xeración tras xeración e que nós aquí, desde o concello de Cervo, queremos mostrar a todas as persoas que se acheguen a este XIII Encontro de Palilleiras que vai ter lugar o vindeiro 2 abril”.
 
Este encontro de palilleiras desenvolverase no Pavillón da Veiga e nunha carpa anexa haberá un total de trinta e cinco postos de venda de diversos produtos. Este ano, como novidade, haberá durante todo o día unha exhibición do proceso do liño a cargo de mulleres de San Bartolomeu de Insua (Vilalba).
 
Exposición de labores feitas por mulleres
Villares anunciou tamén que “hoxe fixemos a inauguración da exposición que leva por título Coas nosas mans e mostra labores feitas polas nosas mulleres de tódalas asociacións que temos no concello de Cervo: CIT de San Ciprián, a Asociación de Amas de Casa Alborada, As Espalladoras, alumnas de Mari Luz Méndez, Asociación de Veciños Cervo-Sargadelos e Mulleres de San Ciprián. Todas estas asociacións formadas por mulleres están a levar adiante ao longo de todo o ano distintas actividades e labores que é tamén arte feita das mans das nosas mulleres no seu tempo libre. Eu creo que todas aquelas persoas que se acheguen a ver estes traballos tamén gozarán ao ver o que son capaces de facer unhas mans sobre todo coa laboriosidade que o fan as nosas mulleres. Esta mostra está aberta desde hoxe e ata o vindeiro 2 de abril na sala de exposicións da Casa da Cultura de San Ciprián”.