Burela acollerá en xullo e agosto diversas actividades deportivas e de lecer

Burela acollerá ao longo dos meses de xullo e agosto numerosas actividades deportivas e de lecer dirixidas á rapazada e a toda a veciñanza do municipio.

O martes día 1 de xullo a Delegación de Deportes do Concello porá en marcha o programa Verán Burela 2025, que se desenvolverá ata o 29 de agosto. “Esta iniciativa ofrecerá diferentes propostas ao longo da semana, como xogos na praia os luns, rutas de sendeirismo os martes, iniciación ao surf os martes e mércores, rutas en bicicleta os mércores, happy dance os xoves e iniciación ao baloncesto os venres”, anuncia o Concello de Burela. As inscricións para participar neste programa poderán realizarse na Casa da Xuventude entre o 24 e o 26 de xuño cun prezo de oito euros por actividade e ao mes.

Dende a Concellería de Deportes tamén indican que “ao longo do verán organizaranse diferentes competicións e eventos como fútbol 3x3, fútbol praia, basket 3x3 e volei praia” e afirman que “esta programación aínda se está completando, coa intención de crear unha competición de fútbol no verán”.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, destacou que “se está a traballar dende cada área municipal para ofrecer unha programación completa e variada que contribúa a dinamizar a vila durante os meses de verán”. Sinala tamén que esta ampla oferta deportiva serve para “promover un estilo de vida activo e saudable entre a veciñanza”.

“Nestes días xa están a desenvolverse outros eventos importantes, como a Marosa Cup, que rematou o domingo, e o Memorial Heroes de Orzán, que conclúe este martes. Como novidades para esta semana, este luns comeza o campamento de ximnasia rítmica, que se desenvolverá do 23 ao 27 de xuño en horario de mañá; este mércores comezará o Campus de fútbol sala Antía Pérez, que terá lugar do 25 ao 29 de xuño no Pavillón Vista Alegre, e nesta fin de semana dará comezo o campamento musical”, engade o Concello de Burela.