
A Concellería de Servizos Sociais e Benestar do Concello de Foz impulsa unha nova edición do programa de actividades de envellecemento activo cara a este outono e inverno. “Está dirixido ás persoas maiores do noso concello mediante unha serie de obradoiros que acaban de arrincar a principios deste mes de novembro, destacando a descentralización das actividades os locais sociais das parroquias, garantindo así que a veciñanza maior do rural poida participar nestes obradoiros preto dos seus fogares sen necesidade de desprazarse ao casco urbano de Foz”, explica a concelleira de Servizos Sociais, Ana Rojo.
Esta iniciativa “responde a unha prioridade absoluta e o firme compromiso do Concello co benestar social e o envellecemento activo das persoas maiores. Para que isto sexa posible realízase cada ano un importante esforzo loxístico e orzamentario, apostando sempre por políticas sociais dirixidas a terceira idade, que garantan unha verdadeira atención integral. Complementándose con outros programas e iniciativas accesibles as persoas maiores, os cales se manteñen activos durante todo o ano con unha única finalidade, previr o retraso de situacións de dependencia, promover a autonomía persoal creando redes de apoio veciñal que axuden a previr o illamento social, ofrecer espazos seguros de convivencia e acompañamento comunitario, mellorando así a calidade de vida e fortalecendo lazos veciñais”, engade Ana Rojo, que ademais destaca que conta cunha programación “variada, dinámica e de calidade, dando resposta e adaptándonos os distintos intereses e necesidades dos nosos maiores, mediante unha oferta que combina obradoiros de saúde física e mobilidade (pilates, ximnasia), estimulación cognitiva (memoria), competencias dixitais, coidados a maiores no domicilio, primeiros auxilios, alimentación saudable, cociña e repostería, taller de bolillos, cerámica e iniciación á poda”.
Rojo tamén indica que “organizar dende a Delegación de Benestar Social do Concello estas actividades simultáneas en todas as parroquias supón un esforzo de coordinación ademais de garantir unha oferta diversa e participativa. Estamos convencidos de que con estes obradoiros completamos o resto de servizos sociais que prestamos ós nosos maiores, sendo unha ferramenta clave na prevención social, como un dereito e unha prioridade máis alá de ser actividades físicas ou cognitivas, actuando coma unha rede de apoios fundamentais para que ningún maior do noso municipio se sinta só”.
As persoas interesadas en participar en calquera das distintas actividades poden informarse no departamento de Servizos Sociais do Concello de Foz, chamando ó teléfono 982.133.566 en horario de 9 a 14 horas.


