A Quenlla presenta este sábado, 11 de abril, en Mondoñedo o libro-cd "Desorballando outonos", que serve para homenaxear á figura de Xosé Mª Díaz Castro.

A Quenlla presenta este sábado, 11 de abril, en Mondoñedo o libro-cd "Desorballando outonos", que serve para homenaxear á figura de Xosé Mª Díaz Castro.
 
O responsable de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro participou esta mañá na presentación dos tres concertos de A Quenlla que servirán para dar a coñecer o libro-CD ‘Desorballando Outonos’, nun acto no que tamén estiveron presentes o coordinador da Asociación Xermolos de Guitiriz, Alfonso Blanco Torrado; Xulio Xiz; e os integrantes de A Quenlla, Xosé Luís Rivas, Mini e Baldomero Iglesias, Mero. 
Mario Outeiro explicou que “despois dun ano dedicado a Xosé María Díaz Castro, como foi o 2014, no que se fixeron ducias e ducias de actividades desde a Área de Cultura da Deputación de Lugo, en colaboración con distintos colectivos como Xermolos e ou o propio instituto que leva o nome do poeta lucense, non deixamos de seguir organizando actividades para homenaxear a un que foi dos mellores poetas galegos”, indicou.
Con este obxectivo nace o volume ‘Desorballando Outonos’, que “é a homenaxe que o grupo A Quenlla e a Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz quixeron render ao poeta chairego Xosé María Díaz Castro no ano 2014, no que se lle dedicaron as Letras Galegas. Trátase dunha confluencia de música e palabra na que poderemos gozar da enorme verba do poeta, pegada á xente, á natureza, á expresión viva, existencial e humana”, indicou o delegado provincial de Cultura.
Neste volume, do que se editaron 3.000 exemplares, “ademais do CD de A Quenlla, con 15 poemas versionados de Xosé María Díaz Castro, Outeiro explicou que tamén se inclúe unha fotobiografía do autor, a través das imaxes que recompilou Alfonso Blanco Torrado, unha das persoas que mellor o coñeceu, e un DVD protagonizado polo poeta chairego obra de Xulio Xiz e Carlos Rodríguez, entre outros contidos”, avanzou Outeiro.
Este libro-CD fai un percorrido por toda a experiencia vital do autor guitiricense, dende a súa infancia, moi marcada pola igrexa e a emigración, ata a súa morte, pasando pola súa vocación como tradutor, as amizades que trabou a longo da súa existencia, como a do tamén autor chairego Manuel María, ou os moitos recoñecementos e premios que recibiu ao longo da súa carreira profesional. 
Concertos que percorrerán toda a provincia
Durante as próximas semanas, A Quenlla ofrecerá tres concertos por toda a provincia de Lugo que servirán para presentar este libro-CD. O primeiro terá lugar xa este sábado, día 11, en Mondoñedo. A actuación dará comezo no auditorio municipal Pascual Veiga da cidade episcopal ás 20:30 horas.
Tomará a remuda unha semana máis tarde, o sábado 18 de abril, Monforte de Lemos. Ata alí se desprazarán os integrantes do grupo para ofrecer un concerto que arrincará ás oito do serán na Casa da Cultura da cidade monfortina.
Finalmente, pecharán o ciclo de concertos o venres 8 de maio en Lugo. Esta actuación terá lugar na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos a partir das 20:30 horas. A entrada para os tres concertos será libre e gratuíta ata completar os respectivos aforos de cada espazo.