A Acia de Burela sorteará tres viaxes na campaña de Nadal. Será o 5 de xaneiro na Praza da Mariña.

A Asociación de Comerciantes, Industria e Autónomos de Burela presenta a campaña ‘Volve a Maxia do Nadal con ACIA Burela’ na que se sortearán tres viaxes: unha delas a Disneyland París (para tres persoas) e outras dúas a destinos sorpresa de proximidade (para dúas persoas). 

Para participar nesta iniciativa de Nadal só é necesario mercar no comercio locais de Burela participantes ata o vindeiro 5 de xaneiro de 2023. Con estas compras repartiranse: por unha banda, unhas rifas numeradas para o sorteo da viaxe a Disneyland que se fará de maneira presencial na tarde do 5 de xaneiro na Praza da Mariña; pola outra banda, uns boletos nos que a clientela deberá cubrir con nome e teléfono para as viaxes de proximidade, neste caso non é preciso estar presencialmente no sorteo. 

O obxectivo principal da campaña ‘Volver a Maxia do Nadal con ACIA Burela’ é promover e impulsar as vendas nos establecementos locais da vila durante a época de Nadal porque nas tendas de Burela podes atopar todo o preciso para agasallar e os produtos da mellor calidade. 

A maiores, durante os días de Nadal haberá actuacións e actividades para todos os públicos e facer así destas xornadas un pouco máis especiais e máxicas. De feito, cabe mencionar a colaboración do artista local Martín Lestao coa asociación. 

Ademais, este ano serán 6 praciñas decoradas na vila, unha máis que no 2021, que se instalou na Igrexa da Vila do Medio. As outras prazas están: na Rúa do Río, A Moncloa, O Campón, na Praza do Mariñeiro e no Parque Rosalía de Castro. Como xa é tradición, a Árbore de Nadal instalada na Praza do Concello é unha cesión da asociación de comerciante ao Concello de Burela.