Burela acollerá o 10 de setembro un partido de baloncesto entre o Breogán e o Oviedo. Ambos equipos militan na LEB Ouro.

Os equipos da LEB Ouro Breogán e Oviedo enfrontaranse no pavillón Vista Alegre de Burela o vindeiro domingo, 10 de setembro, ás 18:00 horas. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, destaca o traballo realizado polo seu departamento e o CB Burela para que se dispute este encontro na localidade.

O edil socialista declarou que “dende e Concellería de Deportes e conxuntamente co CB Burela conseguimos que este fin de semana, este vindeiro domingo, veña a xogar un partido de baloncesto ao pavillón Vista Alegre, o Breogán de Lugo”.

O concelleiro de Deportes en Burela lembra que “era unha cousa que andábamos buscando dende xa fai tempo, conseguímolo e a verdade é que nos é de moito agrado poder ofrecer un espectáculo de baloncesto de primeiro nivel a todos os veciños tanto de Burela como da Mariña”.

Ramiro Fernández Rey subliña que “o Breogán vaise enfrontar ás seis da tarde, no pavillón Vista Alegre ao Oviedo, un equipo tamén da LEB Ouro, co que entendemos que se vai ver un grandísimo espectáculo”.

O edil burelés quere “invitar a participar neste evento a toda a xente que guste do baloncesto. Dicir tamén que a entrada deste partido que vai ser cun prezo simbólico, vai quedar para as arcas do CB Burela e supoño que esa axuda económica vai servir para afrontar a tempada con bastantes garantías de poder solventala economicamente”.