Burela celebrará o Día do Orgullo Mariñeiro o 15 de decembro, cunha combinación de divulgación, exaltación e gastronomía

A Fundación Expomar organiza a celebración do chamado “Día do Orgullo Mariñeiro”, que terá lugar en Burela e en toda a Mariña Lucense o vindeiro 15 de decembro.

No acto de presentación do "Día do Orgullo Mariñeiro", que tivo lugar este martes no Hotel Nordés de Burela, participaron a alcadesa de Burela e presidenta da Fundación Expomar, Carmela López, e o xerente, José M. González ‘Brais’, xunto coa delegada territorial de Pesca da Xunta de Galicia, Mariña Gueimunde, e o concelleiro de mar e turismo de Burela, Ramiro Fernández.

Tamén estiveron presentes representantes do comité organizador Expomar e do padroado da fundación, os directores dos colexios públicos de Burela, as responsables das empresas de cáterin que se van encargar do reparto da comida nos colexios, Eurest e Twitty, e outros representantes municipais.

O xerente da Fundación Expomar presentou o programa da xornada, que combinará a divulgación nas escolas, a exaltación da cultura mariñeira e a gastronomía. José M. González ‘Brais’ tamén explicou a esencia do proxecto, que quere poñer en valor a importancia da cultura mariñeira de Burela, entre moitas outras cousas, polos 100 anos recén cumpridos de historia da confraría de pescadores, pola importancia da lonxa de Burela a nivel rexional, nacional e europeo, pola relevancia dos proveedores locais no comercio pesqueiro e mesmo pola puxanza do sector asteleiro.

A primeira parte da xornada, “Orgullo Mariñeiro nas Escolas”, terá lugar nos comedores escolares de 8 colexios públicos da Mariña Lucense, onde máis de 700 niños comerán ese día “Merluza de Burela” nos seus menús.

O segundo bloque da xornada, “Orgullo Mariñeiro no Escenario”, celebrarase no auditorio da Casa da Cultura de Burela ese mesmo día a partir das 6 da tarde, para a proxección da película documental "Escamas, Sangue!", producida e dirixida por Adrián Canoura e Breixo Llano. A continuación terá lugar unha charla coloquio cos protagonistas do documental, producido en 2014 polo 20 aniversario da “Guerra del Bonito”.

Despois dunha actuación da Coral Polifónica de Burela, este acto público completarase coas intervencións da presidenta da Fundación Expomar, Carmela López, e do conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, que clausurará a xornada cultural.

Para finalizar este “Día do Orgullo” a localización trasladarase á praza da Mariña co “Orgullo Mariñeiro no Prato”, onde a carpa do Nadal de Burela acollerá unha degustación de “Peixe de Burela”, unha festa popular con degustación gratuíta de receitas elaboradas con diferentes especies da lonxa de Burela.

O concelleiro de mar e turismo de Burela, Ramiro Fernández, ensalzou este tipo de accións que se levan a cabo desde a Fundación Expomar como un gran apoio ó sector pesqueiro e que tamén contribúen ó auxe do turismo mariñeiro.

A delegada territorial de Pesca da Xunta de Galicia, Mariña Gueimunde, amosouse agradecida por poder colaborar desde a Conselleríado Mar con este tipo de iniciativas, axudando desde terra á xente do mar.

Pechou o acto a alcaldesa de Burela e presidenta da Fundación Expomar, Carmela López, destacando que este tipo de proxectos axudan a abrir a entidade ao pobo, con diferentes iniciativas máis aló da feira bienal ou das xornadas técnicas, encontro empresarial e produart cada ano. Resaltou tamén a importacia do público infantil dentro das iniciativas que se poñen en práctica desde a fundación.

Esta acción está organizada pola Fundación Expomar coa colaboración do Concello de Burela, e cofinanciada pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).