Burela, Foz e Viveiro serán escenario do 7 ao 11 de febreiro do Campionato de España de Fútbol Sala Feminino de Seleccións Sub 17.

Burela, Foz e Viveiro acollerán o Campionato de España de Fútbol Sala Feminino de Seleccións Sub-17, que se disputará do 7 ao 11 de febreiro. Son 200 persoas as que se desprazarán á zona, xunto aos seus acompañantes. O concelleiro de Deportes e Turismo de Burela, Ramiro Fernández Rey, subliñou a importancia que ten tanto a nivel deportivo como turístico a celebración deste evento para toda a comarca. Nas últimas horas os edís de Deportes dos tres Concellos mantiveron un encontro para ultimar os preparativos desta importante cita deportiva. 

Fernández Rey contou que “os concelleiros de Deportes de Burela, de Viveiro e de Foz mantivemos unha reunión na sede do Burela Fútbol Sala para preparar o Campionato de España de Seleccións sub 17 Feminino de Fútbol Sala que se vai disputar en Burela, en Viveiro e en Foz e que ven de anunciar a Real Federación Española de Fútbol que se adxudicou ese campionato á zona da Mariña. Foi unha reunión moi cordial para coordinar un pouquiño os horarios dos pavillóns e ver as necesidades organizativas que vai haber para este evento, que é importante porque se trata dun campionato de España”.

O concelleiro de Deportes e Turismo fixo alusión “á satisfacción, particularmente do Concello de Burela, no meu nome, e tamén dos outros dous Concellos participantes, porque é un orgullo que nos elixiran, unha vez máis, para acoller un campionato de España, que entendemos que é moi interesante tanto para cada un dos pobos como para A Mariña en xeral.  Seguimos apostando por este tipo de eventos, que ademais da transcendencia deportiva, que a ten e é moita posto que vamos poder ver ás mellores xogadoras de España sub17 de fútbol sala na Mariña, tamén a nivel turístico é un evento moi importante para a zona”.

Ramiro Fernández contou que “vanse celebrar os partidos nos pavillóns de Burela, Viveiro e Foz. A reunión de traballo foi intensa e estamos vendo de pechar todos os flocos que quedaban pendentes para que o campionato sexa un éxito e saia como todos queremos. Empeza o 7 de febreiro e vaise desenvolver ata o día 11. Son 13 seleccións con 200 compoñentes as que viaxan a esta zona a disputar este Campionato e os seus acompañantes. Consideramos que se trata dunha cita que terá unha importante repercusión económica para Burela, Foz e Viveiro en particular, e para A Mariña en xeral”. 

Xogarán este Campionato de España de Seleccións Navarra, Castilla La Mancha, Ceuta, Extremadura, La Rioja, Cataluña, Andalucía, Cantabria, Madrid, Canarias, Galicia, Murcia e Aragón.