De outubro a decembro terá lugar unha nova edición de "A Mariña en Ruta", proxecto da Mancomunidade de Concellos para axudar á dinamización da comarca no outono.

En outubro chega unha nova edición de A Mariña en Ruta, que organiza a Mancomunidade de Concellos para axudar á dinamización da comarca no outono. O obxectivo pasa por atraer escapadas de fin de semana para os galegos e as galegas e para as comunidades autónomas máis próximas. O calendario de rutas para as vindeiras semanas foi presentado este mediodía no Cenima, en Foz. 

O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, lembrou que “o proxecto A Mariña en Ruta, promovido pola Mancomunidade de Concellos, co apoio da Xunta de Galicia para a súa coordinación e execución e da Deputación de Lugo para a promoción en medios, consiste nun programa de rutas e actividades en torno á cultura e á natureza que durante esta edición dotará á Mariña Lucense dunha oferta turística complementaria suxerinte e ao aire libre. O obxectivo é desestacionalizar o turismo. Despois dun verán cunha moi boa afluencia de xente o Plan de Sostibilidade, orzamentado con 2,25 millóns de euros e que arrinca no 2022, tennos que consolidar como unha referencia turística para os 12 meses do ano, de xaneiro a decembro, e con esa teima traballamos”. 

Esta edición, coa colaboración para a súa coordinación e execución da empresa de turismo activo Volta Montana, ven supoñer a valorización do entorno natural, a historia, a etnografía e a arqueoloxía da Mariña Lucense a través de 10 roteiros que se realizarán durante os meses de outubro, novembro e principios de decembro nos concellos de Trabada, Burela, A Pontenova, Riotorto, Barreiros, Lourenzá, Viveiro, O Vicedo, Xove, Mondoñedo e Alfoz.

Cajoto subliñou que “neste 2021, nun exercicio de compensación que irá marcando as distintas edicións, o proxecto pretende dar a coñecer a contorna natural e cultural dos concellos que contaron con menos actividades o pasado ano. Estes roteiros, coma o ano pasado, invitan a coñecer a riqueza dos concellos nos que se desenvolven, fomentando o goce das actividades na natureza e ao aire libre que na Mariña se poden realizar da man de guías locais e experimentados no territorio coma: Pedro Rolle, Guido Álvarez, Boris Vilar, Lidia de la Fuente, Sofía López, Claudia del Pino, Noela Feal ou Fran Canosa”.

Éxito da pasada edición
A axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, Tania Hermida, dixo que “o ano pasado A Mariña en Ruta foi un auténtico éxito, coa axuda tamén da empresa de turismo activo Maremasma e mais concretamente de Carlos Gil e Ana de Lara, que este ano non poden estar e lles queremos agradecer publicamente o seu esforzo para poñer en marcha o proxecto, e iso propiciou que este ano esteamos hoxe aquí presentando esta nova edición”.

E contou que “por recompilar algúns datos, durante agosto e setembro do ano pasado gozaron de A Mariña en Ruta 327 persoas, cubríndose o 92% das prazas dispoñibles. O 100% dos enquisados repetiría a experiencia, considerou que a iniciativa dinamizaba a oferta turística do territorio e que debería seguir no tempo. As valoracións aos guías, piar fundamental do proxecto, foron excelentes, cunha puntuación media de 9.6 sobre 10, un 9.4 á organización e un 9.7 á iniciativa no seu conxunto. Con estes datos, o proxecto continuou durante o outono do pasado ano para dar a coñecer, con máis rutas e novas propostas, as potencialidades da Mariña Lucense nesta época. Daquela só un total de 37 persoas puideron participar nas 7 rutas organizadas, completándose todas as prazas dispoñibles e quedando 168 persoas en lista de espera nesa edición de outono, especialmente marcada polas restricións de aforo de entre 4 e 5 participantes”.

Fran Cajoto engadiu: “polo que con estes resultados non puidemos facer mais que seguir apostando por este proxecto neste 2021 e agardamos poder darlle a oportunidade a esa xente que se quedou sen desfrutar do noso territorio deste xeito especial e a outra nova que o descubra agora”.

No acto tamén tomou a palabra Paloma Vázquez, xefa da Área Provincial de Turismo de Galicia, que felicitou á Mancomunidade pola realización deste proxecto e destacou que a súa presentación se faga coincidindo coa celebración do Día Mundial do Turismo.
Piares do proxecto de 2021

O proxecto xira entorno a catro eixos fundamentais, segundo Cristina Collazo, da empresa Volta Montana: “equipo, contamos cos diferentes axentes e profesionais do sector especialistas en cada área de traballo, reunindo un equipo de enorme calidade humana que conforman a base fundamental desta iniciativa; contido, elaboramos un programa novo, diferenciador, diverso e inclusivo, creando e reforzando un  produto ecoturístico de calidade, a programación e nivel de dificultade dos roteiros interpretativos é variado adaptándose a todo tipo de públicos; transversalidade, temos en conta a distribución equitativa das diferentes actividades nos diferentes municipios, estamos diante dun proxecto de carácter transversal dende o punto de vista xeográfico; e legalidade, tendo en conta a normativa vixente de Turismo de Galicia en canto a Guías Oficiais de Galicia e en actividades na natureza, seguros de responsabilidade e Covid19”.

As rutas terán lugar os sábados de outubro, novembro e decembro, agás a primeira, que será este domingo, 3 de outubro. Terán unha duración de 2 a 3 horas e poderán participar en cada unha un máximo de 25 persoas mais a/o guía. O prezo será de 5 euros (individual), 8 euros (parella) e 12 euros (familiar ou grupo de ata 5 membros). As persoas interesadas en gozar de A Mariña en Ruta poden atopar información e facer a reserva de prazas en https://amarinalucense.gal/es/a-marina-en-ruta ou poden contactar a través da seguinte dirección de correo electrónico: enruta@amarinalucense.gal e o teléfono +34 690 61 47 49. 

Rutas de outubro
A Berrea, camiñando en terra de cervos. Con Pedro Rolle. Domingo 3: Unha ruta polos montes de A Fraga Vella, entre Mondoñedo e Alfoz, para empaparnos da maxia do outono nun entorno natural único.
Trabada, unha viaxe ao pasado. Con Boris Vilar. Sábado 9.
Burela, porto histórico á beira do Cantábrico. Con Lidia de la Fuente. Sábado 16. 
A Pontenova, natureza do ferro. Con Boris Vilar. Sábado 23. 
Terra de Ferro e Soños (Riotorto). Con Pedro Rolle e Guido Álvarez. Sábado 30.