Do 8 ao 13 de agosto teñen lugar en Foz as festas de San Lourenzo. En agosto haberá tamén concertos, teatro, exposicións e a feira do libro.

Mañá, martes, día 8, dará comezo en Foz o programa de actividades con motivo da celebración das festas de San Lourenzo, que se prolongarán ata o domingo 13. Serán pregoadas por Jesús J. Oroza Vila mañá ás 20 horas na Casa da Cultura. Ademais dos días 21 ao 26 deste mes haberá teatro ao aire libre e entre o 18 e o 20 celebrarase a Feira do Libro.

O concelleiro de Cultura en Foz, Ánxel Paleo, anunciou hoxe que “en plena temporada estival e co pobo ateigado de xente metémonos xa de cheo nas festas patronais do San Lourenzo. Esta semana dende o martes, día 8, e ata o domingo, día 13, haberá actuacións de todo tipo. Os días principais que son o día 9 e o día 10, teremos o día 9 ás orquestras Los Satélites e New York, e o día 10 a Gran Parada, que dará paso ás doce da noite á sesión de fogos artificiais na praia da Rapadoira, que é unha das atraccións máis importantes destas festas”.

O responsable de Cultura focense engade que “do luns 21 ata o sábado 26 teremos teatro ao aire libre no patio do colexio Número 1. Todas as obras serán ás dez da noite e participarán as compañías de O Centiño, de San Martiño; O Bordelo de Cervo; O Batán de Cangas; O Torques, de Burela; A Adala, de Fazouro; e Axóuxeres, de Vilaronte”.

Ánxel Paleo comentou ademais que “dende o venres 18 ata o domingo 20 na praza Conde Fontao terá lugar a Feira do Libro. Tamén teremos no Cenima dúas exposicións: ata o día 14 unha mostra de pintura de Alberto Blanco Suárez e Félix Luis Díaz Rodríguez e do 16 ao 30 de agosto unha exposición colectiva de artistas ponteses”.

O edil de Cultura espera que “esta actividade sexa do agrado de todos e que pasen unhas felices festas”.