A Fundación Imdecum organiza o XXIII Festival Audiovisual da Mariña. O prazo de presentación de traballos remata o 30 de decembro

O Festival Audiovisual da Mariña Imaxiña volve unha vez máis para despedir o ano, e xa van 13 edicións, premiando as inquedanzas artísticas da Mariña, coa organización da Fundación Imdecum e a colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo.

Valéndose do ámbito audiovisual, a iniciativa busca remover a sensibilidade dos mariñáns, a expresión dos seus sentimentos e sensacións sobre A Mariña a través da fotografía.

Nesta edición, coma nas anteriores, estarán dispoñibles dúas categorías. A de Estudantes terá aberta a participación de nove centros educativos de Secundaria da bisbarra comarca mariñá: IES Alfoz-O Valadouro, IES Marqués de Sargadelos, IES Perdouro, IES Monte Castelo, IES María Sarmiento, IES Vilar Ponte, IES Dionisio Gamallo, IES Illa de Sarón e IES de Foz. Na categoría de Asociacións participarán ASPANANE, Fundación Eu Son, Asociación Saúde Mental A Mariña e Asociación Camiña.

Cada categoría contará cun premio, un vale por 150 euros para gastar en material fotográfico ou informático en Informática Lindín.

O burelao Héctor Manasé, que xa compartiu a súa experiencia co festival noutras ocasións, realizará os obradoiros de 2023. A primeira parada do polifacético artista será no IES Monte Castelo, centro recoñecido en 2022 coa fotografía gañadora e unha das finalistas, para mergullar ao estudantado no seu mundo profesional, entre a fotografía, a ilustración e a tatuaxe.

Xunto a Héctor Manasé e o presidente de Imdecum, Marcelino Luna, a 13ª edición do concurso contará tamén co criterio do burelao David Mon, director de Kaito Estudios SL, e da fotógrafa cervense Sabela Blanco, colaboradora habitual do certame.

O prazo de recepción das imaxes para o concurso remata o 30 de decembro.