Neste Nadal os locais hostaleiros asociados a Acisa Ribadeo desfrutarán dunha ampliación de 2 horas máis sobre o seu horario habitual.

Os locais hostaleiros asociados a Acisa Ribadeo desfrutarán dunha ampliación de 2 horas mais sobre o seu horario habitual de licenza durante as madrugadas das principais datas destas festas de Nadal.

Desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo o xerente, Jesús Pérez, explica que “no dia de hoxe vimos de lembrarlles aos nosos asociados e asociadas a resolución do Concello de Ribadeo pola que so os establecementos membros de Acisa Ribadeo contarán con 2 horas mais de autorización para poder traballar nestas datas de Nadal. Grazas a esta ampliación, tramitada por Acisa ante o Concello de Ribadeo, estamos a falar de que nas datas indicadas, os bares e cafeterías poderán pasar de pechar ás 02:30 a facelo ás 04:30 horas, as discotecas e salas de festas de 06:00 a 08:00; e os pubs das 04:00 ás 06:00 da madrugada”.

Pérez Prada indica que “os locais asociados de Acisa Ribadeo contan cunha copia da autorización, que engloba todas as madrugadas dende o 22 de decembro ao 6 de xaneiro con motivo do Nadal”. 

E engade: “cremos que é unha gran vantaxe para os membros da nosa asociación poder abrir nestas datas dúas horas mais, co que iso implica especialmente neste ano de total normalidade e sen restrición algunha pola pandemia. Favorecemos así aos restaurantes que queiran alargar os servizos de ceas especialmente o día 31, así como aos pubs e discotecas, que non so se van beneficiar nestas dúas datas sinaladas, 24 e 31 de decembro, nas que a cidadanía sae festexar, senón tamén nos días de semana, nos que especialmente a xuventude poden aproveitar”. 

A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, subliña que “desta ampliación horaria pódense beneficiar unicamente os locais asociados de Acisa Ribadeo, xa que nos encargamos dende a nosa entidade de xestionalo. A Policía Local e a Garda Civil conta co listado dos establecementos que se poden beneficiar desta ampliación horaria que son, como dicimos,  os socios  e socias de Acisa, así como con copia da autorización emitida”.

Cruzado Iglesias indica que “os establecementos que non son asociados nosos e aos que lles poda interesar este servizo que se ofrece, aínda poden darse de alta na nosa entidade para ter a posibilidade de traballar dúas horas mais nestas datas. Dende Acisa Ribadeo creemos que o custo que lles pode supoñer a cota dun ano, compensa os beneficios que poden obter grazas a ter dúas horas mais de licenza, especialmente a pubs ou salas de festa, polo que animámolos a unirse á grande familia de Acisa Ribadeo”.