O 4 de maio haberá unha xornada de portas abertas ao Centro de Emprendemento de Sargadelos. Organiza: Concello de Cervo.

O Concello de Cervo, en colaboración cos distintos establecementos do Centro de Emprendemento de Sargadelos, programa para o sábado, 4 de maio, unha xornada de portas abertas para dar a coñecer ao público as diferentes actividades postas en marcha no edificio das Antigas Cabalerizas, no que se habilitaron 6 locais e un anexo exterior con cuberta, a disposición daquelas persoas con ideas novidosas que desexasen poñer en marcha os seus proxectos.

Así, desde as 12:00 horas haberá xogos populares, manualidades e globoflexia; ás 12:30 horas actuarán as pandeireteiras de Aririños do Xunco, e ás 13:00 horas o Cuarteto Ardentía.

A día de hoxe xa están en funcionamento o centro equino “Cabaliño de Pao”, o café-bar cultural “A Sacabeira”, o obradoiro de alimentación ecolóxica “A Morena” e o estudo creativo e de arte na pel e perforación “Enigma”. 

As instalacións ampliarán proximamente a súa actividade cun establecemento de fabricación e venda de táboas de surf artesanais, para o que xa está adxudicado o local número 1.