O Concello de Alfoz promove un novo roteiro para descubrir os pazos e lugares senlleiros do municipio o 4 de xullo

O Concello de Alfoz anuncia que continúa “apostando pola posta en valor do seu patrimonio histórico, cultural e natural coa organización dun novo roteiro dentro do programa Polos Camiños do Mariscal, unha iniciativa que busca achegar á veciñanza e ás persoas visitantes os recunchos máis emblemáticos do municipio”. Nesta ocasión a actividade, titulada Roteiro Pazos e Lugares Senlleiros, celebrarase o sábado 4 de xullo, cun percorrido de aproximadamente 6 quilómetros e de dificultade baixa, pensado para que poida ser desfrutado por persoas de todas as idades.

“Ao longo do itinerario, as persoas participantes terán a oportunidade de descubrir distintos pazos, espazos naturais e elementos singulares da historia de Alfoz, coñecendo de primeira man o legado patrimonial que caracteriza o concello”, explica o Concello de Alfoz, que engade: “a actividade é gratuíta, aínda que conta con prazas limitadas, polo que é necesaria inscrición previa”.

A alcaldesa e responsable de Turismo, Efigenia Maseda, destacou que “este tipo de iniciativas permiten descubrir un Alfoz diferente, poñendo en valor o noso patrimonio histórico, arquitectónico e natural dunha forma dinámica e participativa. Queremos que tanto a veciñanza como quen nos visita coñezan a riqueza que agocha cada parroquia do noso concello”.

Maseda engadiu que “o programa Polos Camiños do Mariscal consolidouse como unha proposta que combina turismo, cultura e natureza, contribuíndo tamén a dinamizar o territorio e a reforzar o orgullo de pertenza á nosa historia e ao noso patrimonio”.

O Concello de Alfoz anima a todas as persoas interesadas a participar nesta nova experiencia, organizada en colaboración con Guía Tu Día, lembrando que as reservas poden realizarse a través do teléfono habilitado para a actividade.