O Concello de Trabada organiza os seus campamentos urbanos de verán para axudar ás familias a conciliar a vida persoal e laboral.

O Concello de Trabada abriu este venres, 28 de maio, e ata o 11 de xuño o prazo de inscrición nos seus Campamentos Urbanos de Verán 2021, co obxectivo prioritario de axudar ás familias a conciliar a vida persoal e laboral.

O Concello inclúe estes campamentos dentro das medidas sociais dirixidas a consolidar nova poboación no municipio, establecendo unhas bases que dan preferencia a determinadas necesidades familiares.

“Cunha clara intención de protección social, daremos prioridade ás familias monoparentais, numerosas e ás familias nas que os dous proxenitores traballen, dándolles un servizo de atención e coidado aos menores coa finalidade de compatibilizar o período non lectivo coa xornada laboral”, explica a alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez.

A preinscrición será preferiblemente telemática e o número máximo de participantes é de 25, dando preferencia tamén aos empadroados no Concello de Trabada. Os campamentos cumprirán e aplicarán todos os protocolos e recomendacións Covid-19.

O servizo prestarase dende a última semana de xuño ata a primeira semana de setembro, con actividades de ocio e ocupación do tempo de lecer baseadas nos principios da educación non formal, en horario de 10.00 a 14.00 horas.

No caso de haber máis solicitudes que prazas accederase ao campamento tendo en conta a orde da puntuación acadada na baremación. As familias deberán presentar a ficha de inscrición, declaración xurada e autorizacións, que se facilitarán no Rexistro Xeral do Concello e na sede electrónica do Concello.