O Concello do Valadouro organiza actividades para persoas adultas desde o 9 de outubro

O Concello do Valadouro organiza actividades para persoas adultas, que empezarán o día 9 deste mes, luns, e desenvolveranse ata o 7 de xuño de 2024. O prazo de inscrición para participar está aberto. As solicitudes realizaranse nas Oficinas Municipais en horario de atención ao público -de 09:00 a 14:30 horas- ou na Casa da Cultura do Concello de o Valadouro, de 09:00 a 20:30 horas.

Haberá ximnasia de mantemento en Ferreira os luns e mércores de 10:00 a 11:00 horas e no Cadramón, os martes de 17:30 a 18:30 horas. Tamén se ofrece pilates, que será os martes de 20:30 a 21:30 horas; ioga, os luns de 20:45 a 21:45 horas; e un taller de memoria, que será os luns de 18:15 a 19:15 horas en Ferreira e os mércores de 18:30 a 19:30 horas no Cadramón. Haberá tamén unha actividade de envellecemento activo, os xoves de 17:00 a 18:00 horas. E organizan ademais un obradoiro sobre o uso de novas tecnoloxías dende febreiro a maio, pero neste caso os días e horarios están pendentes de confirmar. O desenvolvemento das citadas actividades estará condicionado á existencia dun mínimo de 8 participantes en cada unha delas.