A pizzería Onde Sempre reabriu en Xove tras a importante remodelación realizada neste establecemento hostaleiro.

Tras un mes de obras onte reabriu en Xove a pizzería Onde Sempre, un local rexentado por Juan Carlos López e Viviane Ferreira, e no que poden degustarse hamburguesas, baguettes quentes, sandwiches, pizzas, perritos, bocadillos, ensaladas e pratos combinados.

Juan Carlos López explica que “nesta nova etapa, que iniciamos agora, introducimos algunha novidade na nosa carta como dúas hamburguesas gourmet, algunha ensalada especial, racións… e para algunha destas elaboracións contamos con conservas artesáns da man de Currimar, empresa radicada aquí tamén no noso concello, en Xove”.

Onde Sempre abre de 7 da mañá ata o peche, segundo indica Juan Carlos López, “abrimos todos os días do ano, incluso no Nadal. Para iso contamos con 5 empregadas, co obxectivo de ofrecer o mellor servizo á nosa clientela”. López lembra que foi “no 2013 cando puxo en marcha este establecemento hostaleiro baixo a miña propiedade. Estamos contentos co trato e coa acollida recibida por parte da nosa fiel clientela e agardamos seguir contando con eles durante moito tempo máis”.

Clientes, amigos, familiares e o mesmo alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, asistiron onte á tarde á reapertura da pizzería Onde Sempre.