A Praza Conde Fontao, de Foz, acolle ata o 20 de agosto a Feira do Libro. Haberá moitas actividades para todos os públicos.

Foz acolle do 17 ao 20 de agosto a súa Feira do Libro na Praza Conde Fontao con horario de 17.30 a 22 horas. O programa conta con moitas actividades diferentes en torno aos libros, os escritores e os lectores. O evento conta coa colaboración de diferentes entidades como a Xunta, a Federación Librarías de Galicia ou o Concello de Foz. 

Participarán o Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, Libraría Aguirre, A Gata Tola, Libraría Pedreira, Libraría Bahía, Libraría Aenea e A libraría de Rosa – Nobel Boiro. Todas elas ofrecen un 10% de desconto nos seus libros. 

Hoxe foi o pregón a cargo do escritor Lionel Rexes, acompañado da actuación musical da asociación cultural O Feitizo. E a continuación houbo un encontro sobre as obras de Xita Rubert e Luisa Castro no que participaron as autoras xunto coa escritora Cristina Sánchez Andrades.

O venres 18 de agosto haberá tamén oferta teatral para os máis pequenos xa que Caramuxo Teatro actuará ás 18.30 horas con Feo. Tamén, conversa de Paco Rivas e Bernado Penabade e unha mesa redonda para debater sobre a axitación cultural dende o teatro.

Seguidamente, o sábado 19 para os nenos haberá un contacontos infantil ás 18 horas. E tamén están previstas conversas literarias e dúas presentación dos libros Celso Emilio Ferreiro, nacionalista galego e Neuronas para la emoción ás 20 e 21 horas respectivamente. 

Para rematar, o domingo 20 ás 19 horas será a actuación infantil A ramona pequena vai á lúa e ás 20.30 horas Carolina Sarmiento presenta Vrësno. 

Todas estas actividades terán lugar na carpa de actividades. Durante toda a Feira do Libro haberá máis de 15 autores firmando libros nas propias casetas das diferentes librarías.