A XXXII Semana do Teatro do Valadouro terá lugar do 30 de agosto ao 6 de setembro. As representacións serán ás dez da noite.

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto,e o Alcalde do Valadouro, EdmundoMaseda, e o Concelleiro de Cultura, Eduardo Chao González, presentaron na Casa da Cultura do Valadouro a XXXII Semana do Teatro que se celebra dende o 30 de agosto ata o 6 setembro nesta vila, e na que o Goberno da Deputación é a máxima patrocinadora, cunha achega 8.000 euros, para promover esta actividade; así como para a celebración do Entroido do Concello, dentro do Plan Estratéxico de Turismo. 

“Facémolo dentro da nosa aposta en valor dopatrimonio cultural como un factor diferencial de cada un dos municipios lucenses, capaces de xerar riqueza ao promover o turismo”, explicou García Porto. A Deputada remarcou a profunda tradición teatral que existe no Valadouro, que este ano celebra a súa 32ª edición; ademais de ter entre os seus ilustres veciños un Premio Nacional como é o actor Manuel Lourenzo, gran dinamizador cultural. Son un total de sete representacións teatrais realizadas por grupos afeccionados de Alfoz, O Valadouro, Tapia, Palas de Rei, Foz e Cervo”.

A Deputada dixo que agarda que as actividades que traemos ao Valadouro contribúan a dinamizar social e economicamente a vida municipal, aproveitando a afluencia de visitantes durante esta época estival, e que sexan, unha nova oportunidade máis para coñecer a riqueza patrimonial da Comarca, xerando, ademais, riqueza a través do impulso do sector turístico.

Programación:

O mércores, 30 de agosto, o grupo de teatro Escouridal de Alfoz e Valadouro porá en escena a obra Brancura de Pepe Peinó.

O xoves, día 31, o grupo de teatro Improvisado de O Valadouro presentará a adaptación de Ton Arenas de Ao revés.

O venres, 1 de setembro, o grupo de teatro Pico de Faro de A Roda e Tapia representará a obra Borrón e conta nova da que é autor Gonzalo González.

O domingo, 3 de setembro, o grupo de teatro A Adala de Fazouro ofrecerá a adaptación do propio grupo da obra O que hai que ver ao volver á casa.

O 4 de setembro, o grupo Metátese Teatro de Palas de Rei presentará O euromillón, unha creación colectiva do propio grupo.

O martes, 5 de setembro, o grupo de teatro Axóuxeres de Vilaronte representará a obra Non casei con todos, tamén nunha adaptación colectiva deste grupo.

O 6 de setembro o grupo de teatro O Bordelo de Cervo porá en escena a obra O malquerer de Francisco Piñeiro.

Todas as representacións terán lugar no salón de actos do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade Manuel Lourenzo do Concello de O Valadouro, a partires das 22:00 horas.