O Concello de Foz oferta 17 cursos en 8 parroquias do municipio para os vindeiros cinco meses.

O Concello de Foz iniciará este vindeiro luns, 17 de novembro, os seus cursos anuais de formación, que se desenvolverán na vila e nas parroquias do municipio durante os vindeiros cinco meses. Así o comunicou a concelleira de Servizos Sociais de Foz, Mercedes González, quen adiantou que o Concello ofertará un total de dezasete cursos en oito parroquias: San Acisclo, San Martiño, Vilaronte, Cordido, Cangas, Nois, Fazouro e a vila de Foz. As actividades versarán sobre ximnasia, pilates, zumba, ballet, cestería, bordado, costura, pintura ou internet e terán un custo de 10 euros por mes excepto nos casos dos cursos de cestería, zumba e pilates, nos que o prezo ascende a 15 euros por mensualidade. Os interesados poden anotarse xa na Casa da Xuventude e no Centro Social de Foz.

 

 

Entre as actividades formativas ofertadas, en San Acisclo haberá un curso de cestería os martes ás 4 da tarde e outro de bordado os mércores, con horario aínda por determinar. En San Martiño ofertaranse dous cursos: un de pilates os luns e mércores ás 20:00 horas e outro de cestería os xoves no mesmo horario. En Vilaronte terá lugar un curso de Internet (Nivel 2) os luns a partir das 20:30 horas e outro de frivolité e bordado con datas e horario pendente de publicación. En Cordido tamén haberá un curso de bordado, que se levará a cabo os venres a partir das 16:00 horas. En Cangas haberá dous cursos: un de pintura os martes a partir das 16:00 horas e outro de costura aínda sen data fixada. Nois contará cun curso de bordado os luns e martes ás 16:30 horas e outro de bolillos os mércores ás 17:30 horas. Fazouro terá un curso de bordado os luns a partir das 16:00 horas e outro de ximnasia os xoves ás 19:00 horas.

Foz contará con catro cursos. O primeiro estará dedicado ao pilates e levarase a cabo no Centro Social en dúas quendas: os luns e mércores en horario de 16:30 horas en adiante e os martes e xoves a partir das 19:00 horas. O segundo consistirá en clases de zumba que se levarán a cabo no Centro Social os luns e mércores a partir das 16:30 horas. O terceiro versará sobre ballet e impartirase na Sala Bahía os martes a partir das 19:30. E o derradeiro curso ofertado polo Concello estará dedicado aos bolillos e levarase a cabo na Casa da Cultura de Foz os mércores a partir das 15:30 horas.