O Coro da Mariña ofrecerá un concerto o 7 de xaneiro na Igrexa de Rinlo. Será a partir das seis da tarde.

O Coro da Mariña ofrecerá un concerto o 7 de xaneiro na Igrexa de Rinlo. Será a partir das seis da tarde.
 
O Coro da Mariña ofrecerá o seu primeiro concerto do ano o sábado, 7 de xaneiro, ás 18:00 horas, na Igrexa de Rinlo. O prezo da entrada será a vontade dos espectadores-as.
 
O Coro da Mariña está composto por xentes oriúndas de gran parte da costa mariñá como Ribadeo, Rinlo, Barreiros, San Miguel, Vilaronte e Cervo, e do occidente de Asturias como Tapia e Vegadeo.
 
Neste concerto o Coro contará cunha convidada de excepción: Lidia Luna, contadora de contos e psicóloga que xa participou noutro concerto do coro este verán en Espasande. Lidia Luna é unha madrileña cun pé na Illa de Arousa, é unha namorada da Mariña e Ortegal e boa coñecedora do traballo social que están a facer os directores Ugía Pedreira e Pierrot Rougier, a través da música en Rinlo.
 
O grupo presentará tres cancións novas, todas elas dedicadas ao mar como telón de fondo e como inspiración identificativa do coro mariñán. Unha versión do Natal de Luintra en homenaxe ao desaparecido grupo Berrogüetto con nova letra composta por Elia e Inés, pertencentes as dúas ao coro. Unha letra que reflexiona sobre a situación dos refuxiados sirios e a pasividade da confortable Europa. Outro dos temas será Sail on Sailor de The Beach Boys e Boat Love, banda sonora da serie televisiva Vacaciones en el Mar. Pierrot Rougier, co-director do coro, fixo todos os arranxos das voces partindo das capacidades vocalísticas e musicais de cada persoa sen prexuízo de estilos.
 
O Coro da Mariña ensaia os venres na Escola Vella de Rinlo, e está aberto a quen queira cantar en comunidade, aprender, xogar e gozar coa música sen distinción de idade, condición, profesión e sabedoría.