
Este venres, día 7 de agosto, ás 20:00 horas celebrarase o I Festival Homenaxe aos Músicos do Val no parque Concepción Arenal, de Ferreira do Valadouro.
É un evento organizado pola asociación Ó Compás do Río Ouro, que anuncia: “será moi especial dado que contamos con moitas colaboracións musicais e artísticas percorrendo a historia musical do noso val. Entre moitos contamos con: Miro Casabella, Pablo Peláez & Juan Clemente Novo, o Dúo Hameenlinna (Blanca López Rubal & Raúl Saiz), músicos de orquestras como Los Mejoranos e Arcadio Nueva Ola (Luis Río, Antonio Mandiá, Juan Carlos García, Luis Fernández, Alfonso Maseda, Lino Rico, Eladio Bermúdez e José Eduardo Canoura), Edmundo Maseda, membros de gaita e percusión de Porto D'Ouro (Luis Miguel & compañía), as pandereteiras Medianas de Amadolar e, como non, a nosa Banda de Música coas colaboracións de María Hermida, Ricardo Trigo e Fran Cupeiro. E o broche final farémolo co grupo de rock Nymphae”.
Ademais de 18:00 a 20:00 horas haberá un taller musical gratuíto para nenas e nenos de 5 a 12 anos. As prazas son limitadas e hai que reservalas a través do teléfono 674.038.003. De 20:00 a 21:00 horas, mesa redonda moderada polo escritor Lionel Rexes, no que estarán algúns dos artistas que participarán no festival. E de 21:00 a 23:45 horas serán os concertos.
Tamén haberá a exposición de fotos titulada Aquí segue soando a música durante todo o evento. É de fotografías antigas e actuais, “todas elas mostras do noso legado musical dende principios do S.XX ata os días de hoxe”, explica a asociación Ó Compás do Río Ouro.


