A Banda Municipal de Música de Ribadeo celebra o 27 de decembro no Cine Teatro ribadense o seu tradicional concerto "Aquí como en Viena".

A Banda Municipal de Música de Ribadeo celebra o 27 de decembro no Cine Teatro ribadense o seu tradicional concerto "Aquí como en Viena".
 
A Banda Municipal de Música de Ribadeo celebra o 27 de decembro, domingo, unha das citas tradicionais do seu calendario, o concerto Aquí como en Viena, que terá lugar un ano máis no Cine Teatro ás 20:00 horas. Esta actuación vai dedicada especialmente aos socios de Amadores da Música, aínda que a entrada é libre e gratuíta para o público en xeral.
O director da banda ribadense, David Ballester, explicou “separaremos o concerto en dúas partes, unha o Aquí e outra o Viena. O Aquí será de temas que toda a xente poderá recoñecer seguramente e que ademais son bastante alegres e movidos. Logo xa nos trasladaremos a Viena para interpretar todas estas polkas e bailes que comunmente se interpretan en Viena. Podería haber tamén algunha sorpresiña por aí polo medio e cara o final”, explicou Ballester. “Invitamos a todo o mundo que estea por Ribadeo nestas datas tan sinaladas a que se achegue a gozar con nós da música do concerto da Banda Municipal de Música de Ribadeo”, engadiu.
Este concerto significa moito para o colectivo, asegura Ballester: “como é habitual este acostuma ser un concerto máis familiar para a Banda, porque é cando os rapaces que están estudando ou traballando fóra regresan á casa polo Nadal. Será un concerto especial neste sentido e a Banda contará con máis músicos para poder interpretar estas obras”.