Dez restaurantes e doce artesáns da Mariña unirán o seu bo facer do 18 de abril ao 24 de maio nos Menús Arte_sans.

Dez restaurantes e doce artesáns da Mariña unirán o seu bo facer do 18 de abril ao 24 de maio nos Menús Arte_sans.
 
Dez restaurantes e doce artesáns da comarca unirán o seu bo facer nos Menús Arte_sans, que se poderán saborear do 18 de abril ao 24 de maio, grazas a este novo proxecto da Mancomunidade de Municipios da Mariña. 
O obxectivo é “presentar unha Mariña feita de oficios artesáns e de gastronomía, unha mostra da tradición e da cultura que dan lugar á nosa forma de vida, para que se experimente de forma distinta e para gozala cos todos os sentidos. A través da vista mirando as pezas elaboradas polos artesáns desta comarca, co tacto acariciando esas creacións e sentindo o traballo que hai detrás, co oído escoitando as súas historias, e co gusto percibindo os aromas dos alimentos, as súas cores, os seus matices, a súa textura e a súa forza”. 
Lucas Requejo, coordinador do proxecto, dixo que “nos Menús Arte_sans asistiremos á sinerxia da artesanía coa gastronomía e viceversa”. As persoas que acudan a saborear os menús elaborados polos restaurantes participantes degustaranos en pezas artesáns creadas para a ocasión: pratos, navallas, bandexas, paneiras, etc… así percibirán “a alma da artesanía na mesa”, da artesanía e das creacións que se fan na Mariña. 
O acto foi conducido por María Traveso, de Promove Consultoría. Na súa intervención o presidente da Mancomunidade, Alfonso Fuente, dixo que “hoxe estamos a presentar un novo produto na Mariña lucense: dende a Mancomunidade poñemos en marcha os menús artesáns, que se chaman así porque participan os artesáns, os restaurantes e hai unha colaboración cos Concellos, coas entidades privadas, neste caso restaurantes, e tamén co colectivo de artesáns. É a primeira vez que se fai isto na Mariña con doce artesáns que van poñer os seus traballos enriba da mesa e dez restaurantes van servir eses menús nesas pezas únicas e diferentes en cada restaurante. Isto queremos que sexa algo diferenciador doutras zonas para atraer nesta época na que quizais se traballa un pouco menos, para ir desestacionalizando o turismo, xa que isto iniciarase o 18 de abril e rematará o 24 de maio”.
Fuente Parga engadiu que “isto súmase a outras actividades e produtos que se veñen desenvolvendo dende a Mancomunidade, como son o Mes da Maxia ou as rutas de artesanía. Todo está ligado, porque todo é máxico na Mariña lucense e engloba o sentir desta zona. Para os menús tamén estamos contando cos produtos da Mariña: as hortalizas, as fabas, o peixe…; é dicir, todos os recursos que temos na Mariña lucense, que son moitos”.
Os restaurantes que participan no proxecto son Area Grande (O Vicedo), Nito e O Asador (Viveiro), Río de Oro (Cervo), hotel Nordés (Burela), Casa Damián (Foz), O Lar de Manolo, Parador de Turismo e Amodiño (Ribadeo) e A Casa do Fidalgo (A Pontenova). 
Os doce artesáns que se dan cita nesta iniciativa da Mancomunidade de Municipios da Mariña son Otero Regal (ceramista de Viveiro), Miriam (ceramista de Viveiro), Óscar Rodríguez (xoieiro de Viveiro), Francisco Fra (carpinteiro de Ribeira de Cervo), As Redeiras de Burela, Félix Rodríguez (torneiro de Alfoz), Lucía Catuxo (ceramista de Trabada), José Rodil (navalleiro de A Pontenova), Regina (restauradora de Mondoñedo), Miguel Ángel (carpinteiro de Mondoñedo) e Pilar Maravalla (artista de Ribadeo). 
Ao acto asistiron tamén a xefa de Área de Turismo en Lugo, Paloma Vázquez, a xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, así coma alcaldes e concelleiros da Mariña. Ao remate tivo lugar unha degustación de pastelón de bacallau, horta de tempada da Mariña e tartar de kiwi do Valadouro.