O Concello de Cervo celebra o Samaín con moitas actividades para os máis pequenos do 29 de outubro ao 1 de novembro.

O Concello de Cervo, a través da delegación de Cultura que dirixe Dolores García Caramés, celebrará un ano máis o Samaín con múltiples actividades dirixidas aos máis pequenos da casa.

Deste xeito, tal e como apuntou Caramés, deseñamos unha programación que abrangue dende o domingo 29 de outubro, ata o 1 de novembro, Día de Todos Os Santos.

De tal xeito, que para o domingo estamos a preparar un taller de cociña infantil, para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, que se desenvolverá na Casa do Mar, entre as 12:00 e as 13:30 horas.

O martes, 31 de outubro, terá lugar a Festa infantil entre as 18:30 e as 20:30 horas, na Casa do Mar de San Ciprián “que contará co espectáculo Casa Encantada, ademais de xogos, baile, maquillaxe de terror e moitas outras sorpresas terroríficas”.

Para o 1 de novembro o Concello de Cervo programou un taller infantil de manualidades que se desenvolverá na Praza do Souto, entre as 12:00 e as 13:30 horas, no que haberá pintacaras, música e máis sorpresas.

A edil de Cultura, anima a todos o nenos e nenas do Concello a que participen nas actividades que foron pensadas para reunir aos máis pequenos no seu tempo de ocio para que pasen un bo anaco todos xuntos; ao tempo que toman contacto cunha celebración que pouco a pouco está sendo recuperada e gañando terreo sobre a Festa estadounidense,  “cada vez tomamos máis conciencia de que a efeméride, a celebración do Día de Defuntos, provén deste rito celta de ano novo que está presente na nosa Cultura dende vai séculos”.