Foz
Un novo grupo teatral vai nacer no concello de Foz. En concreto, na parroquia de San Martiño. Trátase do Grupo O Centiño, que o vindeiro 24 de outubro vai estrear a súa primeira obra, titulada "O caldeiro máxico". A estrea terá lugar no local que a veciñanza de San Martiño ten en Ferreiravella. Logo o grupo actuará, dentro do programa Buxiganga, nos concellos de Alfoz, Begonte e Ferreira de Pantón.
A asociación Os Sendeiros de Foz organiza o 19 de setembro o seu noveno encontro de sendeirismo “Río Ouro e Praias de Foz”. O punto de encontro será a Praza de Conde de Fontao e a inscrición debe facerse antes do día 11 nos teléfonos 696 236 020 (Luciano) ou 670 369 017 (Morís) ou no correo electrónico ossendeiros@yahoo.es. O prezo por participante é de 2 euros. A organización informa que “non se inclúen seguros de accidente, sendo responsabilidade de cada un os danos que poidan sufrir”.
Dende hoxe, día 17, ata o 31 de agosto estará aberta no Cenima de Foz a mostra "11 anos camiñando xuntos, 2004-2014", da asociación Os Sendeiros. Na mesma poderanse contemplar imaxes dos roteiros que organizou o colectivo en pouco máis dunha década.












