Dez equipos galegos disputarán os días 12 e 13 de xuño en Ribadeo o I Torneo de Basket Base, que organiza o CB Ría de Ribadeo coa colaboración do Concello.

Dez equipos galegos disputarán os días 12 e 13 de xuño en Ribadeo o I Torneo de Basket Base, que organiza o CB Ría de Ribadeo coa colaboración do Concello.
 
En Ribadeo celebrarase os días 12 e 13 de xuño o I Torneo de Basket Base que organiza o CB Ría de Ribadeo coa colaboración do Concello. Dez equipos galegos acudirán a esta cita, segundo deron a coñecer esta mañá José Antonio Sama Díez, director deportivo do club organizador e o concelleiro de Deportes en funcións, Vicente Castro. 
O edil nacionalista explicou que “este torneo é unha novidade en Ribadeo, xa que é o primeiro de basket base que se celebra na nosa vila, pero forma parte desta xeira de torneos que se disputan en Ribadeo ao remate do curso das escolas deportivas ou das tempadas de competición. Estes torneos encádranse no chamado turismo deportivo, que atraen a Ribadeo a moita xente de Galicia, doutros puntos de España e de Portugal. Isto permite que os nosos rapaces e rapazas se relacionen deportivamente con clubs cos que non compiten durante todo o ano e permítenos atraer a moita xente a Ribadeo, o que supón un reforzo económico para esta tempada baixa-media, previa ao verán”.
Vicente Castro fixo que “o torneo está organizado polo CB Ría de Ribadeo en colaboración co Concello, coa Área de Deportes da Deputación, coa Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta e conta tamén co apoio do grupo Eroski. Con este torneo poñemos a Ribadeo no mapa e á cabeceira da Mariña na organización deste tipo de eventos. Isto segue na liña que nos marcamos desde o goberno municipal desde hai anos, que é o respaldo ao deporte base”.
Pola súa banda José Antonio Sama Díez contou que “levamos xa dous anos traballando na promoción do baloncesto neste concello e cada ano queremos dar un pasiño máis para afianzalo. A principios de tempada marcámonos coma obxectivo sacar un torneo de categorías base, as primeiras edicións sempre son moi difíciles de levar adiante porque aínda a xente non coñece o torneo, as datas foron as que quedaban libres e igual non foron as máis axeitadas, pero ao final logramos sacalo adiante. O obxectivo non é só facer unha edición, senón que sexa a primeira de moitas e ao final estamos moi satisfeitos de poñelo en marcha”.
Sama dixo que “durante estes dous días, sobre todo o 13 de xuño, teremos 10 equipos competindo na nosa vila procedentes de varios clubs da xeografía galega. A parte do equipo local contaremos con equipos do CB Lasalle, de Santiago, do Basket Coruña, do Porta XI Ensino, de Lugo, e tamén do Baloncesto Cambre”.
O director deportivo do CB Ría de Ribadeo engadiu que “os nosos equipos o están a facer moi ben, están a conseguir campionatos provinciais, xogando fases de ascenso galegas e tamén estamos a ser invitados a torneos en moitos lugares. Isto non deixa de ser un paso máis para seguir afianzando pouco a pouco o baloncesto na vila. Por último, agradecerlle ao Concello de Ribadeo a súa colaboración con este torneo e a todas as institucións que colaboran e ao Eroski, que nos axuda aportando o material para o torneo, que sempre é benvido”. 
No acto de presentación tamén participou Iván López, o técnico de Deportes do Concello de Ribadeo.