Contos
Este sábado, 11 de novembro, na Librería Bahía haberá “unha nova sesión de Familias que contan, o proxecto que levamos adiante na librería no que son as propias familias as que preparan unha historia para contar, aberta a todo o público”, explican desde este establecemento.
O sábado ás doce da mañá a historia vai ser “O peixe de cores”
Van contar: Ana Belén Otero Montenegro coa súa filla Sofía Cordal Otero e Isabel Sánchez Corral co seu fillo Adrián Fernández Sánchez.
Ademais o 10 de novembro celébrase o día das librerías, “e este día teremos un 5% de desconto en todos os libros –desconto máximo permitido pola lei do libro- e celebraremos unha sesión do obradoiro de escritura que leva adiante na Librería Bahía o poeta Eduardo Estevez”, engaden.
A Biblioteca Pública Municipal de Foz acollerá unha sesión de contos para bebés mañá, venres, ás seis da tarde. Titúlase Os contos do chupete e corre a cargo de Migallas Teatro.
A bibliotecaria municipal, María Jesús Álvarez Sánchez, explica que “Os contos do chupete é unha sesión de contos para bebés na que se integran música en directo, literatura infantil, expresión dramática e tradición oral. Os cativos poderán chuchar contos, cancións e arrolos ata encher a barriguiña nesta proposta para bebés na que gozar en familia”.
Esta actividade é para bebés de 0 a 3 anos, ten unha duración de 35 minutos e forma parte da iniciativa Ler conta moito.






