Música
O Concello de Cervo anuncia que este próximo sábado, día 18 de xaneiro, celebrarase o primeiro Guateque de Arruguiñas do ano 2025. Será na Casa do Mar, de San Ciprián, ás 20:00 horas e estará amenizado polo dúo Caramelo.
Para esta actividade o Concello de Cervo conta coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.
O grupo de death metal melódico Aneuma, da localidade asturiana de Puerto de Vega, actuará en Ribadeo o día 15 de febreiro, sábado, para presentar o seu novo espectáculo.
Será no Cine Teatro ribadense dentro do ciclo musical do Vendaval Fest. A apertura de portas está anunciada para as 22:00 horas
As entradas poden mercarse na web www.woutick.com e na taquilla do Cine Teatro Ribadeo o día do concerto.
As cancións serán protagonistas no salón de actos da Casa da Cultura da Pontenova este sábado, día 11 de xaneiro, a partir das 20:00 horas, co playback que se celebra tradicionalmente por estas datas nesta localidade.
Esta actividade, organizada polo Concello da Pontenova, conta habitualmente con moita participación e congrega a numeroso público.
Burela acollerá un Concerto de Reis a cargo da agrupación musical viveirense Sons de Celeiro. Este recital terá lugar ás 19:00 deste sábado, día 4 de xaneiro, no auditorio da Casa da Cultura. A entrada será de balde e libre ata completar aforo.
O Concello de Burela anuncia que “a agrupación repasará as cancións dos seus tres traballos discográficos editados, lanzados ao longo de xa 12 anos de traxectoria ininterrompida.Trátase dun grupo vocal formado por un total de 14 integrantes. A pesar de que o grupo naceu na parroquia viveirense de Celeiro, conta con varios integrantes procedentes de Burela”.
A concelleira de Cultura, Lina Gómez, anima á veciñanza “a acudir a este concerto como previa ao día de Reis para desfrutar da traxectoria de Sons de Celeiro”.
Este venres, día 3 de xaneiro, ás 17:30 horas o salón de actos da Casa da Cultura do Valadouro acollerá un concerto de Nadal a cargo da Banda de Música Mestre López, do Valadouro. A entrada é de balde.
Está organizado polo Concello do Valadouro que anuncia: “iniciamos o novo ano 2025 da mellor maneira, cun concerto interpretado polos xoves músicos da Escola de Música Mestre López, do Valadouro”.
O cantautor galego Manoele de Felisa ofrecerá un concerto de Nadal na vila ribadense coa Coral Polifónica de Ribadeo e co Coro Sagrado Corazón este sábado, día 4 de xaneiro.
O concerto, incluído na programación de Nadal do Concello ribadense, será na igrexa parroquial de Santa María do Campo ás 20:45 horas.
A igrexa das Concepcionistas de Viveiro acollerá un concerto de panxoliñas este domingo, día 29 de decembro, ás 20:30 horas.
Está organizado pola Coral Polifónica Alborada, de Viveiro, que anuncia: “o domingo 29 de decembro faremos o noso tradicional concerto de panxoliñas. Será ás 20:30 horas na Igrexa das Concepcionistas de Viveiro e acompañaranos a Coral de Guntín-Taboada, dirixida polo viveirense Manuel Yáñez”.
Dentro do programa Peregrinos Musicales, Ribadeo acollerá un Concerto de Nadal a cargo do dúo Dail, formado por Ilona Timchenko ao piano e o violinista Serguey Arutyunyan. Será este domingo, día 29 de decembro, ás 20:00 horas no auditorio municipal Hernán Naval.
O prezo da entrada é de 3 euros.
Dentro do ciclo de concertos O Son do Nordeste, este sábado, día 28 de decembro, chega á Praza do Souto, de Cervo, Giulia Bianco, cantante que interpretará temas de soul e baladas pop e disco.
A actuación, que está incluída na programación de Nadal do Concello de Cervo, comezará ás 21:00 horas.
A Coral Polifónica de Ribadeo, que dirixe Mari Carmen Rodríguez Cancelo, ofrecerá un concerto de panxoliñas polas rúas da vila ribadense este venres, día 27 de decembro, a partir das 20:00 horas.
Empezará o percorrido no Quiosco da Música e seguirá pola igrexa da Orde Terceira, a rúa Ramón González, a Praza de San Roque, a Praza 8 de marzo e As Catro Calles.












