Alfoz
O Concello de Alfoz organiza un obradoiro de procura de información en internet para facer traballos. É de balde e está dirixido a alumnado de ESO, BAC e FP. Será na Biblioteca Municipal o día 23 de novembro, martes, ás 17:00 horas.
As prazas son limitadas e para anotarse hai que chamar ao teléfono 982.558.001 (extensión 3) a partir do 8 de novembro.
O Concello de Alfoz explica: “recoméndase traer ordenador ou tablet se se pode, pero de non telos contamos con 3 tablets e 2 ordenadores na biblioteca para usar. Entregarase un dossier con toda a información a cada alumno/a”.
O sábado, 13 de novembro, ás 20:00 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura de Alfoz haberá teatro afeccionado.
Axóuxeres Teatro, de Vilaronte, representará a obra "Cousas de mulleres". Está recomendada para maiores de 14 anos. A entrada é de balde.
Neste mes de novembro rematarase a substitución dos antigos andeis por novo mobiliario, de maior capacidade, que fará máis práctica a biblioteca e, ao mesmo tempo, máis luminosa, moderna e acolledora. A renovación do mobiliario levouse a cabo en 3 fases, a primeira o ano pasado subvencionada pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a segunda este ano, dentro do Plan Único da Deputación de Lugo dentro da cal tamén se inclúe o cambio de luminarias por led, de menor consumo e a terceira será nuns días, de novo pola Xunta de Galicia.
En novembro comezará o Programa Mochilas Viaxeiras para as nenas, nenos e familias da Escola Infantil de Carballido e para os participantes no Programa de Envellecemento Activo do Concello, Activamente. Dúas mochilas para a Escola Infantil e catro para os maiores. Nelas levarán en préstamo por períodos de...
leer másA partir do día 30 de outubro, a Oficina de Información Turística de Alfoz reabre as súas portas ao público no habitual horario de inverno: sábados, domingos e festivos de 10:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas.
Poderase visitar o Castelo de Castro de Ouro no que se atopan distintas exposicións: Antigas Escolas (planta baixa), Pintura de Hipólito Xeada (1º planta) e Fotografías de Alfoz (2º planta) ademais de disfrutar das magníficas vistas desde o alto da torre.
O sábado, 30 de outubro, ás 17:00 horas comezará a visita guiada organizada polo Concello de Alfoz, que anuncia: “sairemos en autobús de diante da Casa do Concello para ver algúns dos moitos cruceiros, cruces e cristos do municipio de Alfoz. O encargado de guiarnos nesta ocasión será Mario Saavedra, autor do libro Cruceiros, cruces e cristos do Concello de Alfoz”.
Para participar hai que chamar ao teléfono 982.558.001 (extensión 3) desde o luns 25 ata o venres 29 ou ata esgotar as prazas, que son limitadas.
A actividade é de balde e está incluída no Plan Único da Deputación Provincial, na Área de Turismo.
A asociación CULTURA DO PAÍS, (colectivo con base en Lugo que conta cun grupo activo de socios na comarca do Valadouro) organiza a presentación do libro Os irmáns de América. As pegadas da emigración do Valadouro na Habana, de Prudencio Viveiro Mogo, publicado por Edicións Laiovento o pasado mes de setembro.
O acto terá lugar o vindeiro sábado, 30 de outubro, ás 19:00 horas, no Castelo do Castrodouro de Alfoz. Intervirán, amais do propio autor: Ruth Rodríguez Bermúdez (presidenta de Cultura do País), quen presentará o colectivo no municipio alfocés, pois é a primeira actividade que se desenvolve neste municipio, e a seguir o escritor alfocés Lionel Rexes presentará a Prudencio Viveiro.
Os irmáns de América. As pegadas da emigración do Valadouro na Habana é un estudo sobre a sociedade de emigrantes “El Valle de Oro...
leer másO vindeiro luns, 25 de outubro, ás 17:00 horas no Salón de Actos do Centro Sociocultural de Alfoz terá lugar unha reunión informativa sobre un obradoiro de reciclaxe de roupa que se vai desenvolver no municipio.
Serán 2 horas por semana (8 horas mes) e o custo mensual é de 30 euros (3,75 euros/hora). Desenvolverase en grupos reducidos, de cinco persoas.
Este sábado, 23 de outubro, na Biblioteca Municipal de Alfoz organízanse diferentes actividades para nenas e nenos de 3 a 12 anos para celebrar o Día da Biblioteca. Haberá un obradoiro na propia biblioteca de 17:00 a 20:15 horas e a comedia musical Pinocus no salón de actos ás 20:30 horas.
É necesaria inscrición previa na Oficina de Rexistro do Concello ata o venres 22 de outubro ou ata completar o número máximo de participantes. É unha actividade de balde, subvencionada polo Plan Único da Deputación. Para máis información os interesados poden chamar ao teléfono 982.558.001 (extensión 2).
Estas actividades están organizadas polo Concello de Alfoz e a Área de Cultura da Deputación de Lugo.
A biblioteca pública do Concello de Alfoz celebra o Día das Escritoras este venres, 15 de outubro, cun espectáculo de contacontos a cargo da compañía A Cova das letras. Será ás 13:00 horas no salón de actos de Cultura para alumnado do CEIP Castro de Ouro.
A actriz Cristina Collazo representa `Procura-se Pepa a Loba, por terra e mar´. Trátase dun contacontos interactivo onde a danza e a música se funden coa natureza, poñendo en valor a amizade e a perspectiva de xénero.
Ademais na biblioteca pública de Alfoz haberá unha selección de obras de autoras do século XX ata o 31 de outubro.
O 23 de outubro ás 18:00 horas terá lugar a primeira das visitas didácticas iniciadas o ano pasado desde a Área de Turismo Municipal e incluídas no Plan Único da Deputación Provincial.
Nesta ocasión o lugar elixido é Finca Galea onde, centrándose no muíño con batán incluído, se coñecerá tamén a importancia da industria téxtil de Alfoz no século XVIII da man de Dolores Barral, profesora de Historia da Arte da USC.
Para asistir é necesaria inscrición previa no teléfono 982 558 001 (ext.3) ou na Oficina de Rexistro da Casa do Concello desde o 13 ao 22 de outubro. Prazas limitadas. Actividade de balde. Máis información no mesmo teléfono na extensión 2.












