Alfoz
Segundo informa Pepe Peinó "en Alfoz celebramos o Día do Libro para os máis pequenos o luns, 27 de abril, ás 15,00 horas. Estarán connosco na Casa da Cultura os de Sarabela Teatro, nun espectáculo dirixido a nenos de 4 a 12 anos no que haberá música, danza e teatro. Ranpunzel e Grettel Chanetti chegarán en bicicleta con contos express e precisarán da axuda do público para axudar a Camilo Comilón a cociñar os alimentos que lle dan os seus amigos e prepararán saborosas receitas. E de sobremesa suxestivos petiscos doces, tirados do libro Contos silenciosos".
Esta vindeira fin de semana, sábado 18 e domingo 19 de abril, iníciase a Primeira Ruta das Tapas de Alfoz, que se desenrola paralelamente ás Segundas Olimpíadas Interparroquiais. Seis establecementos participan, que son: Restaurante O Frenazo, Cafetaría da Casa da Cultura (Morroncho), Restaurante A Naranja, Taberna San Pedro, Bodegón Ponte de Pau e Bar Rodolfo. Os participantes deberán completar os seis establecementos nesta primeira xornada e tamén na segunda e última, que coincidirá o sábado 25 e o domingo 26 de abril e participarán nun sorteo de tres premios de 200 euros a gastar en establecementos de Alfoz. Cada un dos seis locais presentará unhas tapas propias, especiais e saborosas, que os visitantes poderán degustar. O sorteo dos tres premios será o último día das Olimpíadas, o 2 de maio.