Eventos
O Concello de Cervo anuncia que a tradicional Festa Acuática Infantil non faltará este Nadal. Será este xoves, día 2 de xaneiro, a partir das 17.00 horas na piscina municipal de Leiro, con entrada de balde.
As crianzas menores de 7 anos deben ir acompañadas por unha persoa adulta, igual que as menores de 10 anos que non saiban nadar.
A carpa instalada na Praza dos Campos, de San Ciprián, acollerá unha Festa Fin de Ano desde as 01:30 horas deste mércores, día 1 de xaneiro de 2025.
Este evento forma parte da programación de Nadal organizada polo Concello de Cervo, que anuncia: “Que mellor que comezar o ano na gran festa que celebraremos na Praza dos Campos despois de comer as uvas. Este é o planazo que temos preparado para este 1 de xaneiro con Discomóbil Conxuro”.
Mondoñedo acollerá un Escape Room sobre o escritor Álvaro Cunqueiro este domingo, día 5 de xaneiro, a partir das 16:00 horas. Será na Casa Museo Álvaro Cunqueiro con entrada de balde.
Esta actividade está organizada pola Asociación Xuvenil Xoldra, que anuncia: “sumérxete no universo literario do gran autor mindoniense e pon a proba as túas habilidades resolvendo enigmas inspirados nas súas obras e na súa cidade natal. Inscribe o teu grupo de 3 a 6 participantes enviándonos unha mensaxe directa ou un correo a xuvenilxoldra@gmail.com. Premio ao grupo máis veloz”.
O Concello de Riotorto, coa colaboración das asociacións veciñais e culturais do municipio, organiza un baile de fin de ano, que comezará ás 01:00 horas da madrugada deste mércores, día 1 de xaneiro.
A entrada é gratuíta, haberá servizo de bar, estará amenizado coa música do dúo Estrellas e ás 05:30 horas repartirán chocolate gratis para todos os asistentes.
Burela celebrará unha Festa de Fin de Ano na madrugada deste mércores, día 1 de xaneiro.
O Concello de Burela convida á veciñanza a súa Festa de Fin de Ano na Praza da Mariña: “celebraremos a chegada do 2025 de 0:30 a 5:30 horas, en compañía da música do dúo D'Vicio. Haberá carpa e a barra do bar estará xestionada polos socios e socias de ACIA Burela”.
A Pontenova celebrará unha festa de Aninovo no Local das Asociacións a partir das 01:00 horas deste mércores, día 1 de xaneiro.
Este evento, que estará amenizado coa música a cargo de DJ Bombardero, está organizado polo Centro de Iniciativas Turísticas da Pontenova coa colaboración do Concello.
A Praza dos Campos, de San Ciprián, acollerá un Bingo Musical este xoves, día 2 de xaneiro, ás 19:00 horas. É unha actividade incluída na programación de Nadal do Concello de Cervo, que anuncia: “este Nadal, como novidade, contaremos cun Bingo Musical da man do alumnado de II de Bacharelato en colaboración coa oficina municipal de voluntariado xuvenil”.
Haberá chocolate con sobremesas típicas do Nadal.
Para esta actividade o Concello de Cervo conta coa colaboración de Discomóvil Conxuro.
O xoves 2 de xaneiro celébrase o Nadal na Biblioteca Municipal El Viejo Pancho, de Ribadeo, cunha actividade de animación á lectura na cal os nenos e nenas se converterán en auténticos detectives para resolver "O misterio das cartas dos Reis Magos".
É unha actividade para nenos e nenas de entre 5 e 12 anos. Hai 30 prazas dispoñibles e para participar hai que anotarse no Whatsapp da Biblioteca: 604.08.42.01.
Mondoñedo celebrará o fin de ano con dous eventos que se celebrarán na Praza da Catedral o día 31 de decembro, martes.
O primeiro serán as Campanadas Infantiles, que están programadas para as 11:30 horas e a organización anuncia que haberá “reparto de gomiuvas, cotillón y mucha música y diversión”.
E desde as 23:45 horas haberá un acto para comer as uvas e despois fogos de artificio co novo ano.
O pavillón municipal de Alfoz acollerá actividades e xogos para nenos, nenas e rapazada os días 29 e 30 de decembro, domingo e luns, desde as 17:30 ata as 20:30 horas.
“Dende a Área de Cultura invitámosvos a que veñades rematar o ano de xeito moi divertido a Alfoz: xogos, inchables, pintacaras, toro mecánico, láser tag, etcétera. Actividades ata os 18 anos totalmente de balde”, anuncia o Concello de Alfoz.












