O Valadouro
A parroquia de Vilacampa, no concello do Valadouro celebra a festa na honra a Santo Domingo e feira de gando anual o luns 4 de agosto
As actividades comezarán ás 13:30 horas con misa solemne e despois haberá sesión vermú amenizada polo grupo Lume, que tamén actuará de 19:00 a 22:00 horas.
Entregarán premios para os lotes máis numerosos de gando vacún e cabalar, para as mellores vacas e para os mellores cabalos ou bestas.
Haberá degustación gratuíta de produtos elaborados con porco celta.
O recinto estará cuberto con carpa.
O Concello do Valadouro anuncia que a presentación oficial da última edición ampliada de Contos do Valadouro será este venres, día 1 de agosto, ás 20:00 horas na Casa da Cultura.
Esta é unha edición ampliada con algo máis de medio cento de contos e historias con respecto a edicións anteriores.
Moderará o acto Lionel Rexes, que estará acompañado por un dos autores e recolectores de contos e historias do Val do Ouro, Xesús Pisón. Acompañará o musicólogo Mano Panforreteiro, que interpretará varias pezas musicais durante a lectura dos contos.
A entrada é de balde.
A Casa da Cultura de Ferreira do Valadouro acolle ata o día 4 de xullo, venres, a exposición titulada Os maragatos da Porta de San Pedro, mostra itinerante que organizan o Colectivo Egeria e a Fundación Carmen Pérez-Carro.
A exposición foi inaugurada polo alcalde do Valadouro, José Manuel Lamela; o técnico de Cultura, Juan Novás; e o presidente de Egeria, Xulio Xiz.
A parroquia de Alaxe, no concello do Valadouro, celebrará a festa na honra a San Xoán este domingo, día 22 de xuño.
As actividades comezarán ás 13:00 horas coa misa e a procesión, seguidamente empezará a sesión vermú amenizada polo acordeonista Adrián Fernández. A partir das 14:30 horas haberá unha comida popular e desde as 19:30 horas actuará a orquestra Metrópolis e a continuación Pili Pampín y su banda.
O recinto da festa está cuberto con carpa.
A Mostra Cativa do Valadouro celebrarase este domingo, 22 de xuño, coa participación de tres grupos folclóricos infantís: os da asociación Amigos da Gaita, de Ribadeo; Osorio Gutiérrez, de Lourenzá; e o anfitrión e organizador, que é Amado Lar, do Valadouro. Será ás 18:30 horas na Casa da Cultura.
“Agardámosvos a todos para disfrutar das actuacións que nos teñen preparadas os máis cativos”, anuncia a Asociación Cultural Amado Lar.
A asociación cultural Ao Compás do Río Ouro organiza unha sardiñada en Ferreira do Valadouro. Será este sábado, día 21 de xuño, a partir das 21:30 horas na explanada diante do matadoiro, ao carón do parque.
“O sábado 21 de xuño a partir das nove e media da tarde faremos unha sardiñada gratis para tódolos veciños do Val para celebrar o San Xoán. Haberá empanada de bonito, sardiñas, patacas, pan, viño, auga,… E, como somos moito da música e pasalo ben, tamén haberá música co DJ Conxuro. Contamos con carpa, mesas e sillas,… E ,como non, tamén faremos unha fogueira para protexernos dos malos espíritos”, anuncia o colectivo organizador.
Os Concellos de Alfoz e O Valadouro organizan unha excursión ás instalacións do Laberinto de Rinlo, no concello de Ribadeo, para o día 27 de xuño, venres.
É unha actividade para nenos e nenas de 6 a 12 anos de idade. As prazas son limitadas (por orde de inscrición) e o prazo para anotarse remata o 23 de xuño.
O Concello do Valadouro organiza o programa Ludiverán, con actividades orientadas a rapaces e rapazas nacidos entre o ano 2013 e o 2021. Desenvolverase do día 30 de xuño ó 29 de agosto desde ás 9:00 ata as 14:00horas.
As inscricións poden facerse ata o 18 de xuño por medios telemáticos (sede electrónica), nas oficinas da Casa da Cultura ou nas Oficinas Xerais do Concello.
A parroquia de Frexulfe, no concello do Valadouro, celebrará as festas na honra ao Corazón de Xesús dos días 6 e 7 de xuño, venres e sábado.
As actividades comezarán o venres a partir das 22:00 horas con churrascada, torrezmada e chourizada. Despois haberá verbena amenizada polo dúo Belinda e Discomóvil The Sound Project.
E o sábado ás 13.30 horas celebrarase misa solemne e a continuación haberá procesión e sesión vermú longa a cargo do dúo Eclipse.
O campo da festa estará cuberto con carpa.
A escola de música da asociación cultural Ao compás do río Ouro celebrará unha festa de fin de curso este venres, día 6 de xuño, ás 21:00 horas na Casa da Cultura de Ferreira do Valadouro.
“Temos o pracer de invitarvos a todos a vir á festa de fin de curso 2025 da nosa escola. Poderedes ver actuar a todo o noso alumnado. Animádevos a vir que estamos seguras de que o ides pasar xenial”, anuncia a asociación cultural Ao compás do río Ouro.












