Teatro
Dentro da programación cultural do Concello de Barreiros este domingo, día 1 de novembro, a monologuista Leti da Taberna ofrecerá o seu show titulado Enredada. Será ás 19:00 horas no Centro Sociocultural de San Cosme, con entrada de balde ata completar aforo.
O Concello de Barreiros explica que é “un monólogo dirixido ao público adulto no que a artista explora en ton irónico a nosa relación coas redes sociais e como nos inflúen no noso día a día. En galego e con perspectiva feminista, Enredada enche o escenario de luz e enerxía, provocando que a espectadora se vexa identificada coas situacións que se presentan e acabe ríndose de si mesma”.
Gargallada Teatro representará “García, un cadáver informal” en Barreiros este sábado, 31 de outubro
Gargallada Teatro representará en Barreiros a obra titulada García, un cadáver informal. Será este sábado, día 31 de outubro, ás 20:00 horas no Centro Sociocultural Manuel Díaz Sampedro, de San Cosme. O prezo da entrada é de 3 euros e estarán á venda desde media hora antes da función).
Esta representación está organizada polo Colectivo Cultural Ollomao, que anuncia: “chegamos á última proposta deste ciclo de teatro amador de Barreiros, organizado por Ollomao en colaboración con Fegatea. E despedímonos cunha nova compañía que vén cargada de humor e situacións disparatadas! A Asociación Cultural para a Promoción das Artes Escénicas Gargallada nace no Barco de Valdeorras en novembro de 2006. Un ano despois créase no seu seo Gargallada Teatro, o grupo de teatro afeccionado que se converte no eixo central das súas actividades culturais...
leer másO grupo Trípode Teatro representará este venres, día 30 de outubro, ás 21:00 horas a obra titulada Desequilibrados, escrita por Pepe Peinó, no marco da axenda cultural do ciclo de outono da Casa da Cultura de Burela.
O Concello de Burela explica que “a proposta aborda, dende a comedia, a importancia de ser diferentes e de enriquecer a sociedade a través das distintas personalidades dos seus cidadáns. Unha obra invita a reflexionar sobre o valor da diversidade e sobre a achega que cada persoa realiza á sociedade desde a súa propia maneira de ser. A actividade está dirixida a todos os públicos, con entrada libre e está organizada polo Concello de Burela e conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Desde o Concello de Burela animan á veciñanza a achegarse á Casa da Cultura “para gozar...
leer másComezan esta fin de semana as representacións do VIII Certame de Teatro Concello de Lourenzá, para o que foron seleccionadas oito obras doutros tantos grupos. Todas as actuacións serán no Multiusos Ponte de Cuñas. Este sábado, día 31 de outubro, ás 20:30 horas o grupo Trípode, de Alfoz, representará a obra Desequilibrados. E o domingo, 1 de novembro, ás 20:00 horas Pico do Castro, de Foz, porá en escena Trato a cegas.
Na seguinte fin de semana, o sábado 7 ás 20:00 horas The-Sastre, de Barbadás, representará e-MÉRITO. E o domingo 8, tamén ás 20:00 horas, a obra será Asemblea de mulleres, a cargo do grupo da asociación Melandraina, de Arteixo.
O día 14, sábado, ás 20:00 horas Avelaíña Teatro, de Pontevedra, ofrecerá a obra Pantasmas. E o domingo 15 ás 20:00 horas O Bicho...
leer másO Concello de Alfoz anuncia que “un ano máis, novembro será o mes do teatro en Alfoz, cunha programación de catro comedias para todos os públicos que poderemos desfrutar durante os sábados do mes”.
O día 7 de novembro a obra será Paixón de Bulevares, de Quemaistén Teatro (As Pontes); o 14 representarase Terra, voz e... acción!, de Metátase Teatro (Palas de Rei); o día 21, Ai! Señor, señor, de A Adala (Fazouro-Foz); e o 28, O autobús, de O Centiño (Foz).
Todas as representacións son comedias para todos os públicos e están programadas para as 20:00 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Alfoz, con entrada de balde.
O Concello de Viveiro anuncia que a compañía Barafunda “tráenos unha terrorificamente divertida sesión de sorrisos con Quen dixo medo?. Dúas personaxes convidarán os nenos e nenas a bailar, xogar e converterse en auténticos monstros nun espectáculo de movemento inspirado nas historias da noite do Samaín. Globos, xogos musicais e propostas interactivas para pasar unha tarde... de medo!”. Será este sábado, día 31 de outubro, ás 18:00 horas no Teatro Pastor Díaz.
É unha obra para público infantil de 3 a 12 anos e ten unha duración de 50 minutos.
A reserva de entradas pode facerse a través do teléfono 982.560.162 de luns a xoves de 9:00 a 14:00 horas, ou no correo electrónico cultura@viveiro.gal e tamén na taquilla do Teatro Pastor Díaz unha hora antes da función.
O segundo certame de teatro afeccionado do Concello de Barreiros, organizado pola Área de Dinamización e Participación Veciñal coa colaboración do grupo de teatro local do colectivo cultural Ollomao, seleccionará sete obras que se representarán entre os meses de xaneiro e marzo de 2027.
A mellor obra será galardoada co premio Ollomao de ouro, a segunda co Ollomao de prata e a terceira co Ollomao de bronce. Tamén serán premiados a mellor actriz principal e secundaria, o mellor actor principal e secundario e entregarase o premio especial do público á obra mellor valorada polas persoas que asistan ás funcións.
As bases do certame poden consultarse na web do Concello (www.concellodebarreiros.gal) e as obras poderán presentar a súa solicitude...
leer másO grupo de teatro Tiruleque, de Carballiño, representará a obra titulada A conspiración da piolla este sábado, día 24 de outubro, ás 20:00 horas nas Escolas Vellas de San Miguel de Reinante (Barreiros). O prezo das entradas é de 3 euros e venderanse desde media hora antes da función.
É unha representación incluída no ciclo de teatro amador organizado polo Colectivo Cultural Ollomao, de Barreiros, que anuncia: “o grupo de teatro Tiruleque é unha asociación cultural sen ánimo de lucro que vén desenvolvendo distintas actividades, con participación activa na cultura do Carballiño dende 1985. Presentan A conspiración da piolla”, que é “unha comedia de intrigas e sorpresas”.
Con motivo do Día das Bibliotecas este venres, día 23 de outubro, hai unha cita cos contos e a imaxinación na Casa da Cultura de Alfoz. Cris de Caldas presentará A bibliotecaria estrafalaria, “un espectáculo para desfrutar en familia, compartir historias e deixar voar a imaxinación”, anuncia do Concello de Alfoz.
Será ás 13:00 hora, é unha actividade dirixida ao público a partir de 3 anos e contará coa asistencia dos nenos e nenas do CEIP Castro de Our, pero está aberta a todo o público.
Unha proposta enmarcada no programa Ler Conta Moito, “para celebrar o pracer de ler, contar e escoitar historias”, remata o Concello de Alfoz.
O actor Xosé Antonio Touriñán chega á Casa da Cultura de Burela con Moi animal, “un monólogo cómico sobre a nosa peculiar relación co resto das especies”, explica o Concello, que engade: “querémolos, protexémolos, humanizámolos e mesmo lles poñemos roupa, pero a nosa relación con eles está chea de paradoxos. Desde os animais de compañía ata os lobos, pasando polos vexetarianos e os therians, Touriñán convídanos a rirnos da nosa propia maneira de entender o mundo animal”. Será o sábado 28 de novembro con dúas funcións: ás 18:30 e ás 21:00 horas.
As entradas están á venda en ataquilla.com.












