Eventos
O Concello da Pontenova anuncia que a cabalgata do Reis Magos será este domingo, día 5 de xaneiro, e comezará ás 17:30 horas, cando será a saída desde a Praza dos Fornos.
As súas maxestades de Oriente farán un percorrido pola localidade que rematará no salón de actos da Casa da Cultura, a onde está previsto que cheguen ás 19:00 horas.
A Cabalgata dos Reis Magos en Alfoz será este domingo, día 5 de xaneiro, e empezará ás 16:00 horas na Casa da Cultura.
Este evento está organizado pola Asociación Cultural e Xuvenil O Castelo, que anuncia: “a tarde do 5 de xaneiro teremos unha visita moi especial, os Reis Magos de Oriente pasarán polo concello de Alfoz. A cabalgata pasará polas diferentes parroquias. Os reis, xunto cos seus paxes, escoitarán e recollerán as cartas dos máis pequenos e pequenas. O percorrido rematará no Castelo de Castrodouro, onde os nenos e nenas poderán tamén depositar a súa carta, conversar coas súas maxestades e desfrutar dun chocolate quente con biscoito”.
Este venres, día 3 de xaneiro, haberá Lásertag e inchables na carpa instalada na Praza dos Campos, de San Ciprián. Será de 17:00 a 19:00 horas.
Esta actividade forma parte da programación de Nadal do Concello de Cervo.
Os Reis Magos visitarán Trabada e percorrerán a localidade este sábado, día 4 de xaneiro, desde as 18:00 horas.
Esta cabalgata está organizada pola asociación cultural O Picato, que anuncia: “a pesar de que están con moito traballiño, Melchor, Gaspar e Baltasar non queren deixar de visitar o noso pobo para ver as cariñas de emoción de pequenos e grandes e saber qué pedirán para o gran día. Sairán da explanada do centro de saúde ata o Pavillón Municipal, acompañados de música tradicional. Farán unha paradiña para visitar aos maiores da residencia e dende alí seguirán o seu percorrido ata o Pavillón, onde entregarán a cada pequen@ o seu agasallo. Por último disfrutaremos dunha chocolatada con roscón”.
O Concello de Cervo anuncia que a tradicional Festa Acuática Infantil non faltará este Nadal. Será este xoves, día 2 de xaneiro, a partir das 17.00 horas na piscina municipal de Leiro, con entrada de balde.
As crianzas menores de 7 anos deben ir acompañadas por unha persoa adulta, igual que as menores de 10 anos que non saiban nadar.
A carpa instalada na Praza dos Campos, de San Ciprián, acollerá unha Festa Fin de Ano desde as 01:30 horas deste mércores, día 1 de xaneiro de 2025.
Este evento forma parte da programación de Nadal organizada polo Concello de Cervo, que anuncia: “Que mellor que comezar o ano na gran festa que celebraremos na Praza dos Campos despois de comer as uvas. Este é o planazo que temos preparado para este 1 de xaneiro con Discomóbil Conxuro”.
Mondoñedo acollerá un Escape Room sobre o escritor Álvaro Cunqueiro este domingo, día 5 de xaneiro, a partir das 16:00 horas. Será na Casa Museo Álvaro Cunqueiro con entrada de balde.
Esta actividade está organizada pola Asociación Xuvenil Xoldra, que anuncia: “sumérxete no universo literario do gran autor mindoniense e pon a proba as túas habilidades resolvendo enigmas inspirados nas súas obras e na súa cidade natal. Inscribe o teu grupo de 3 a 6 participantes enviándonos unha mensaxe directa ou un correo a xuvenilxoldra@gmail.com. Premio ao grupo máis veloz”.
O Concello de Riotorto, coa colaboración das asociacións veciñais e culturais do municipio, organiza un baile de fin de ano, que comezará ás 01:00 horas da madrugada deste mércores, día 1 de xaneiro.
A entrada é gratuíta, haberá servizo de bar, estará amenizado coa música do dúo Estrellas e ás 05:30 horas repartirán chocolate gratis para todos os asistentes.
Burela celebrará unha Festa de Fin de Ano na madrugada deste mércores, día 1 de xaneiro.
O Concello de Burela convida á veciñanza a súa Festa de Fin de Ano na Praza da Mariña: “celebraremos a chegada do 2025 de 0:30 a 5:30 horas, en compañía da música do dúo D'Vicio. Haberá carpa e a barra do bar estará xestionada polos socios e socias de ACIA Burela”.
A Pontenova celebrará unha festa de Aninovo no Local das Asociacións a partir das 01:00 horas deste mércores, día 1 de xaneiro.
Este evento, que estará amenizado coa música a cargo de DJ Bombardero, está organizado polo Centro de Iniciativas Turísticas da Pontenova coa colaboración do Concello.