Eventos
O municipio de Cervo terá dúas cabalgatas de Reis este domingo, día 5 de xaneiro: unha en San Ciprián desde as 18:00 horas e outra na capitalidade do concello a partir das 19:30 horas.
O Concello de Cervo anuncia que a cabalgata de San Ciprián sairá ás 18:00 horas desde o Pavillón da Veiga e a recepción Real será no Auditorio da Casa da Cultura. Haberá chocolate con biscoito caseiro na Praza dos Campos, da man da asociación cultural Comisión de Festas de Lieiro. Coa colaboración de Mulleres de San Ciprián e da ANPA do CEIP Península da Paz. E a de Cervo empezará ás 19:30 horas na Casa do Concello e irá ata a carpa da Praza do Souto, onde haberá recepción Real, belén vivente, e a actuación de Milicrocas, que é o grupo infantil de cantareiras de Airiños do Xunco, asociación cultural que organiza esta cabalgata.
A Casa de Galicia, en Madrid, acollerá o 23 de xaneiro a presentación da XX Feira Monográfica Náutico-Pesqueira Expomar, das XXXII Xornadas Técnicas e do XXVI Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras.
O acto dará comezo ás 19:30 horas e contará coa presenza da presidenta da Fundación Expomar, Carmela López. Ao seu remate será ofrecida unha degustación de Peixe de Burela, que está patrocinada pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia.
A XX Feira Expomar celebrarase en Burela do 7 ao 10 de maio.
O Concello da Pontenova anuncia que a cabalgata do Reis Magos será este domingo, día 5 de xaneiro, e comezará ás 17:30 horas, cando será a saída desde a Praza dos Fornos.
As súas maxestades de Oriente farán un percorrido pola localidade que rematará no salón de actos da Casa da Cultura, a onde está previsto que cheguen ás 19:00 horas.
A Cabalgata dos Reis Magos en Alfoz será este domingo, día 5 de xaneiro, e empezará ás 16:00 horas na Casa da Cultura.
Este evento está organizado pola Asociación Cultural e Xuvenil O Castelo, que anuncia: “a tarde do 5 de xaneiro teremos unha visita moi especial, os Reis Magos de Oriente pasarán polo concello de Alfoz. A cabalgata pasará polas diferentes parroquias. Os reis, xunto cos seus paxes, escoitarán e recollerán as cartas dos máis pequenos e pequenas. O percorrido rematará no Castelo de Castrodouro, onde os nenos e nenas poderán tamén depositar a súa carta, conversar coas súas maxestades e desfrutar dun chocolate quente con biscoito”.
Este venres, día 3 de xaneiro, haberá Lásertag e inchables na carpa instalada na Praza dos Campos, de San Ciprián. Será de 17:00 a 19:00 horas.
Esta actividade forma parte da programación de Nadal do Concello de Cervo.
Os Reis Magos visitarán Trabada e percorrerán a localidade este sábado, día 4 de xaneiro, desde as 18:00 horas.
Esta cabalgata está organizada pola asociación cultural O Picato, que anuncia: “a pesar de que están con moito traballiño, Melchor, Gaspar e Baltasar non queren deixar de visitar o noso pobo para ver as cariñas de emoción de pequenos e grandes e saber qué pedirán para o gran día. Sairán da explanada do centro de saúde ata o Pavillón Municipal, acompañados de música tradicional. Farán unha paradiña para visitar aos maiores da residencia e dende alí seguirán o seu percorrido ata o Pavillón, onde entregarán a cada pequen@ o seu agasallo. Por último disfrutaremos dunha chocolatada con roscón”.
O Concello de Cervo anuncia que a tradicional Festa Acuática Infantil non faltará este Nadal. Será este xoves, día 2 de xaneiro, a partir das 17.00 horas na piscina municipal de Leiro, con entrada de balde.
As crianzas menores de 7 anos deben ir acompañadas por unha persoa adulta, igual que as menores de 10 anos que non saiban nadar.
A carpa instalada na Praza dos Campos, de San Ciprián, acollerá unha Festa Fin de Ano desde as 01:30 horas deste mércores, día 1 de xaneiro de 2025.
Este evento forma parte da programación de Nadal organizada polo Concello de Cervo, que anuncia: “Que mellor que comezar o ano na gran festa que celebraremos na Praza dos Campos despois de comer as uvas. Este é o planazo que temos preparado para este 1 de xaneiro con Discomóbil Conxuro”.
Mondoñedo acollerá un Escape Room sobre o escritor Álvaro Cunqueiro este domingo, día 5 de xaneiro, a partir das 16:00 horas. Será na Casa Museo Álvaro Cunqueiro con entrada de balde.
Esta actividade está organizada pola Asociación Xuvenil Xoldra, que anuncia: “sumérxete no universo literario do gran autor mindoniense e pon a proba as túas habilidades resolvendo enigmas inspirados nas súas obras e na súa cidade natal. Inscribe o teu grupo de 3 a 6 participantes enviándonos unha mensaxe directa ou un correo a xuvenilxoldra@gmail.com. Premio ao grupo máis veloz”.
O Concello de Riotorto, coa colaboración das asociacións veciñais e culturais do municipio, organiza un baile de fin de ano, que comezará ás 01:00 horas da madrugada deste mércores, día 1 de xaneiro.
A entrada é gratuíta, haberá servizo de bar, estará amenizado coa música do dúo Estrellas e ás 05:30 horas repartirán chocolate gratis para todos os asistentes.